Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rúas baleiras en Austria na estrea dun confinamento moderado

Rúas baleiras en Austria na estrea dun confinamento moderado

Hai múltiples excepcións ao peche, como "a recreación física e mental ao aire libre"

A medida estará en vigor uns 20 días para frear a alta incidencia nun país cun baixo índice de inmunización (do 66 %)

Galegos en Austria: "Había un risco inminente no país, pero non agardabamos un confinamento"

Rúas baleiras en Salzburgo no primeiro día de confinamento
G24.gal 22/11/2021 11:36

Austria volveu este luns pechar o comercio non esencial, a gastronomía, museos, eventos culturais e espectáculos, converténdose no primeiro país de Europa que impón un confinamento en todo o país para frear a cuarta onda da covid neste inverno.

As rúas de Viena, que a fin de semana foron escenario de tantas protestas contra as medidas adoptadas para combater a pandemia, amenceron hoxe baleiras.

Tras encadear varios récords de novas infeccións nas últimas semanas, a república alpina, de 8,9 millóns de habitantes, rexistra actualmente unha incidencia acumulada en sete días de 1.102 novos contaxios por cada 100.000 habitantes.

Nalgunhas rexións as unidades de coidados intensivos enchéronse con pacientes de covid e hai hospitais que están ao bordo do colapso, o que obrigou a pospoñer numerosas operacións e tratamentos de diversas enfermidades.

As medidas rexerán previsiblemente durante 20 días, ata o 12 de decembro, aínda que deberán ser prolongadas mediante decreto a fins de mes.

Do mesmo xeito que en ocasións anteriores, o confinamento en Austria é moderado se se compara ao imposto no pasado noutros países, dadas as moitas razóns polas que se permite ás persoas saír de casa.

Entre elas, ademais das compras de alimentos, medicamentos e outros produtos de necesidade básica, o traballo e a educación, tamén está "a recreación física e mental ao aire libre", segundo o decreto recentemente publicado. Iso inclúe, por exemplo, ir en tren esquiar.

Así mesmo, é posible saír para atender as persoas necesitadas de apoio, "exercer os dereitos e responsabilidades familiares cos parentes e contactos próximos", para satisfacer "as necesidades relixiosas básicas" ou para o coidado dos animais. É posible ir ao médico e aos centros de vacinación e test de covid, ou facer "uso dos instrumentos da democracia", como a participación en manifestacións.

As máscaras  FFP2 son obrigatorias en todos os lugares públicos pechados e tamén no traballo, onde ademais hai que manter unha distancia física de polo menos dous metros entre as persoas.

As autoridades pediron que todo o que poida traballe desde a casa. Os eventos do deporte profesional, como o fútbol, terán lugar sen público.

Xunto ao novo confinamento, o Goberno austríaco anunciou que a partir de febreiro a vacina contra a covid será obrigatoria, unha medida adoptada ante o baixo índice de inmunización da poboación, que é a día de hoxe do 66 %, insuficiente para frear a rápida propagación do variante delta do coronavirus. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar