Unha dose da vacina e pasar a covid non é dabondo para entrar nalgúns países
Hai países que non lles permiten entrar por avión aos que teñen unha soa dose da vacina e pasaran o coronavirus
Será preciso que pidan un segundo soro
Atención aos que pasaran o coronavirus e completaran a inmunización cunha única dose de vacina. En España considérase pauta completa, pero noutros países non. É posible que os que teñan só unha dose do soro, pasaran a doenza e queiran viaxar fora de España teñan que pedir unha segunda picada.
O certificado covid é xa parte imprescindible da equipaxe dos que viaxan vacinados.
Moitas compañías aéreas, xa de trámite, están pedindo a acreditación de inmunidade no momento en que se merca o billete
É posible viaxar en avión sen estar vacinado? En principio, si, pero facelo implica certas restricións, someterse a probas diagnósticas ou mesmo pasar corentena nalgúns países.
Cada vez máis países, para entrar, pídenlles aos viaxeiros que acrediten que recibiron as dúas doses da vacina aínda que pasaran a enfermidade. En España, unha dose do soro e pasar a doenza vale como pauta completa, pero non é así en todos os estados.
Ante a posibilidade de que non se lles permita a entrada desde os aeroportos, os que pasaran a covid e só recibiran unha picada da vacina deberían pedir unha segunda dose se queren viaxar fóra de España.