Queixas en Monforte polos continuos cortes de auga
O avellentamento das tubaxes provoca continuas avarías no Morín e na Estación
No último mes, os veciños dos barrios monfortinos do Morín e da Estación veñen sufrindo continuos cortes de auga. Entre os máis afectados figuran os negocios da zona, onde chegaron a quedar sen subministración durante case un día enteiro, coas conseguintes perdas.
Ademais, unha vez restablecido o servizo, a presión da traída é mínima.
José María Donado, hostaleiro: "A clientela marcha sen ducharse, co cal todo son críticas. Cando chamas, dinche que hai unha avaría pero non che dan prazos para poder informar os clientes. Unha vez hai auga, danche só dous quilos de presión para un hotel de cinco plantas".
Rosa Macía, presidenta da asociación de veciños A Estación de Monforte: "Baixa a presión porque a solución deles é poñer unhas válvulas redutoras, pero os que vivimos nun cuarto piso non podemos abrir a auga e acender a lavadora, a lavalouzas ou a caldeira".
No barrio do Morín chegaron a rebentar as tubaxes ata en cinco puntos nun tramo de 300 metros. Segundo os veciños, as avarías débense á antigüidade da rede de abastecemento de auga, polo que reclaman a súa renovación integral.
Os afectados sinalan que levan semanas queixándose ao Concello e á empresa que xestiona a auga, pero polo momento non lles ofreceron unha solución definitiva.