Publicador de contidos
Publicador de contidos

Putin pide a continuación das negociacións de paz con Ucraína

Putin pide a continuación das negociacións de paz con Ucraína

Falou de volver as conversas partindo da situación actual sobre o terreo, é dicir, contando como territorio ruso as catro rexións que se anexionaron de Ucraína en 2022

O mandatario ruso cuestionou a lexitimidade de Volodímir Zelenski

Rusia está realizando manobras militares con Bielorrusia

O presidente de Rusia, Vladímir Putin, en Minsk. REUTERS. O presidente de Rusia, Vladímir Putin, en Minsk. REUTERS.
G24.gal 24/05/2024 18:07 Última actualización 24/05/2024 19:35

O presidente ruso, Vladímir Putin, mostrouse este venres partidario de renovar as negociacións de paz con Ucraína, aínda que expresou as súas dúbidas sobre a lexitimidade do seu homólogo ucraíno, Volodímir Zelenski, cuxo mandato expirou o pasado 20 de maio.

"As negociacións de paz deben ser renovadas e non mediante un ultimato, senón co sentido común", afirmou Putin 

Putin fixo estas declaracións despois de que a prensa occidental suxerise que o xefe do Kremlin estaba disposto a declarar un cesamento do fogo en Ucraína tendo en conta as actuais liñas da fronte. Fíxoo despois de reunirse en Minsk co presidente bielorruso Alexander Lukashenko.

Putin chamou a Ucraína a volver á mesa de negociacións, aínda que advertiu que estas deben ter como obxectivo final "a sinatura de documentos xuridicamente vinculantes". Lembrou que Ucraína xa asinou un documento desa clase a finais de marzo de 2022 en Istambul, pero retirou a firma baixo presións de Occidente.

"De novo fálase de que hai que regresar ás negociacións. Que volvan! Pero que volvan non partindo do que unha parte quere (...), senón da situación actual sobre o terreo. Nós estamos dispostos", afirmou.

Cando Putin fala sobre a realidade "no terreo", refírese non só ao avance das tropas rusas, senón á anexión en setembro de 2022 de catro rexións ucraínas (Donetsk, Lugansk, Khersón e Zaporijia), aínda que Moscova non as controle na súa totalidade. Na mesma liña, o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, negou as informacións sobre un posible acordo de cesamento do fogo que non contemple esas catro rexións, que xa están incluídas na Constitución como parte inalienable de territorio ruso.

"O presidente asegurou en numerosas ocasións que está disposto a negociar. Pero esas negociacións son para alcanzar os obxectivos que agora estamos a lograr a través da operación militar especial. Os obxectivos son claros, a realidade tamén. Hai unha Constitución onde está fixada a composición da Federación Rusia, incluído eses catro territorios", dixo Peskov.

O mandatario ruso cuestionou a lexitimidade do presidente de Ucraína, Zelenski. Ademais lembrou que este prohibiu por decreto negociar con Rusia, aínda que, en realidade, o líder ucraíno só prohibiu dialogar con Putin. "Nós non llo prohibimos a ninguén", sinalou.

Putin preguntouse: "Con quen negociar? Non é unha pregunta insignificante (...) Rusia é consciente de que a lexitimidade do actual xefe de Estado (de Ucraína) expirou".

"Creo que un dos obxectivos da conferencia que foi anunciada en Suíza radica en que a comunidade occidental, os patrocinadores do actual réxime de Kiev, confirmen a lexitimidade do xefe de Estado vixente ou xa non vixente", dixo. 

Chegado o momento, Putin subliñou que Moscova debe estar "completamente seguro" de que está a dialogar cun "poder lexítimo". Putin fixo esta declaración xusto cando as tropas rusas están a gañar terreo tanto no Dombás como na segunda fronte que o exército ruso abriu na rexión nororiental de Khárkov.

Manobras nucleares con Bielorrusia

Á súa vez, Putin asegurou este venres en Minsk que Rusia e Bielorrusia reforzarán a súa seguridade ante a política de "hostilidade" de Occidente, ao que acusaron de tentar conter o seu desenvolvemento e danar a súa soberanía.

"Respecto diso, ata o de agora non lograron nada e estou seguro de que nunca o lograrán", asegurou e estimou en 16.000 as sancións adoptadas por Occidente contra Rusia, "máis que contra ningún outro (país) no mundo".

En canto ás manobras con armas nucleares tácticas que arrincaron esta semana, asegurou que son habituais para Moscova e a única diferenza nesta ocasión é que tamén participa Bielorrusia, onde Moscova emprazou ese tipo de armamento en 2023.

"Aquí nós non estamos atizando tensións. Nós cumprimos plenamente coas nosas obrigacións no ámbito das armas nucleares. Non infrinximos nada, non hai nada que se salga do habitual en comparación co traballo do propio bloque da OTAN", argumentou.

Lembrou que os membros da Alianza Atlántica tamén realizan manobras similares en territorio de países que acollen armas nucleares tácticas estadounidenses.

As manobras nucleares non estratéxicas teñen lugar no Distrito Militar Sur, que inclúe as catro rexións ucraínas anexionadas por Rusia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade