Putin e Trump acordan reunirse a próxima semana
A data do encontro aínda non foi fixada, pero desde Moscova aseguran que será "para a próxima semana"
Vladimir Putin di que interese de reunirse con Donald Trump é mutuo

O presidente ruso, Vladimir Putin, aceptou reunirse a próxima semana co seu homólogo dos Estados Unidos, Donald Trump, acordo que se produciu xusto antes de que vencese o ultimato de dez días da Casa Branca para que deteña a guerra en Ucraína.
"Acordamos a celebración nos próximos días dunha reunión bilateral ao máximo nivel, é dicir, entre os presidentes Putin e Trump", anunciou este venres Yuri Ushakov, asesor para política internacional do Kremlin.
"A data aproximada fixouse para a próxima semana, pero as partes están a empezar a prepararse para esta importante reunión e é difícil predicir cantos días tomarán os seus preparativos", dixo Ushakov, citado pola axencia oficial TASS.
O diplomático subliñou que "o lugar da reunión tamén foi, en principio, acordado, pero informaremos diso un pouco máis tarde".
Destacou que a proposta de celebrar un cumio entre Putin e Trump é da Casa Branca, cuxo emisario especial, Steve Witkoff, reuniuse este mércores co líder ruso no Kremlin. "O importante é que esta reunión sexa exitosa e produtiva", subliñou.
Putin di que interese de reunirse con Trump é mutuo
Vladimir Putin asegurou este xoves que o interese en celebrar un cumio con Donald Trump é mutuo e non rexeitou unha futura reunión co líder ucraíno, Volodímir Zelenski.
"O interese foi expresado por ambas as partes", dixo á televisión o xefe do Kremlin, quen considerou, en cambio, que non se dan agora as condicións para un encontro con Zelenski.
"Xa dixen moitas veces que, en xeral, non teño nada en contra. Isto é posible, pero para que isto suceda, deben crearse certas condicións. Lamentablemente, aínda estamos lonxe diso", dixo o xefe do Kremlin á prensa nas súas primeiras declaracións sobre a proposta estadounidense dunha reunión trilateral.
En canto ao lugar da súa reunión con Trump, que podería ter lugar nos próximos días, Putin afirmou que Rusia ten "moitos amigos" dispostos a axudar a organizar un evento dese tipo.
"Un destes amigos é o presidente dos Emiratos Árabes Unidos. Creo que decidiremos máis adiante, pero ese sería un dos lugares máis adecuados", sinalou en presenza do líder emiratí, Mohamed bin Zayed Al Nahyan, quen se atopa de visita oficial en Moscova.
Outra opción sería Turquía, sede das primeiras tres roldas de negociacións entre Moscova e Kíiv. Precisamente, o ministro de Exteriores ruso, Serguéi Lavrov, mantivo este xoves unha conversación telefónica co seu colega turco, Hakan Fidan, na que falaron sobre Ucraína.