Publicador de contidos

Publicador de contidos

Puente volve apuntar a un fallo na vía como posible causa do accidente de Adamuz

Puente volve apuntar a un fallo na vía como posible causa do accidente de Adamuz

Os trens que circularon por ese tramo na hora previa ao sinistro teñen as mesmas marcas nas rodas que o Iryo que descarrilou

O PP pide a comparecencia no Congreso de Pedro Sánchez, Óscar Puente e o presidente de Adif

G24.gal 22/01/2026 14:59

O ministro de Transportes decántase xa por unha hipótese para explicar o accidente ferroviario rexistrado en Adamuz. A Óscar Puente "cústalle moito crer que fose o tren" e cre que un fallo na vía "é posible, sen dúbida".

Segundo informou nunha entrevista na Cadena Cope, detectáronse marcas nas rodas do Iryo e tamén en varios trens, pero só nos que pasaron na hora previa ao accidente. Na súa opinión, "ten que ser algo realmente crítico que non deu a cara practicamente ata o momento do accidente".

En todo caso, Puente insiste en que non se debe a unha falta de mantemento, e a voceira do PP no Congreso pregúntase "como pode descartar que teña que ver co mantemento das vías e á vez dicir que non saben o que pasou".

Ester Muñoz cren que o ministro trata de eludir responsabilidades contribuíndo a unha "sensación de inseguridade" que leva a moitos españois a pensar se collen o tren.

O gremio dos maquinistas tamén lle reclama ao Goberno máis investimentos e que se lles teña en conta para tomar decisións de seguridade. Nos últimos días informaron de máis incidencias, que provocaron reducións temporais de velocidade, e convocaron, ademais, varias xornadas de folga.

Para o ministro, detrás só hai cuestións anímicas. "Creo que se o suflé emocional baixa e todos nos calmamos, podemos chegar a acordos razoables", asegurou Óscar Puente nunha entrevista en Catalunya Radio. 

En opinión da voceira dos populares, Ester Muñoz, o ministro "ataca os traballadores" con esas declaracións, que cualifica de "miseria moral".

O PP pediu a comparecencia urxente de Pedro Sánchez no Congreso. Tamén a do presidente de Adif e a do ministro de Transportes, que, de momento, non contempla dimitir. "As responsabilidades, as que sexan necesarias, pero non estou niso eu", dixo Óscar Puente este xoves. 

O PP tamén pediu unha auditoría independente sobre o estado de toda a rede de alta velocidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade