PSOE e Podemos descartan o adianto electoral tras o revés nas urnas andaluzas
No Partido Socialista algunhas voces comezan a chamar para facer un proceso de autocrítica
A desfeita nas urnas preocupa os socios parlamentarios do Goberno de Pedro Sánchez, que reclaman máis políticas de esquerdas
O Goberno central descarta un adianto das eleccións tras os resultados en Andalucía. A intención do PSOE é esgotar os catro anos da lexislatura e culminar o mandato.
No partido algunhas voces comezan a chamar para facer un proceso de autocrítica. Piden unha revisión interna para reconectar co electorado socialista que non os votou.
A desfeita nas urnas preocupa os socios parlamentarios do Goberno de Pedro Sánchez, que reclaman máis políticas de esquerdas.
En Podemos manteñen o silencio despois de dous días da celebración das eleccións andaluzas, en que Yolanda Díaz participou en distintos actos de campaña arroupando a formación de Inma Nieto, Por Andalucía.
Gobernar ata o final da lexislatura
A vicepresidenta segunda do Goberno asegurou este martes que está triste polos resultados das eleccións do domingo en Andalucía aínda que deixou claro que gobernarán ata ao final da lexislatura.
A portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez, aseguraba desde a mesma mesa que compartía con Yolanda Díaz, na conferencia de prensa tras a reunión do Consello de Ministros, que o Goberno está "en plena forma".
Yolanda Díaz non quixo facer unha valoración expresa dos resultados obtidos pola súa formación e pola esquerda nas eleccións andaluzas a pesar das reiteradas preguntas dos xornalistas. Pero si dixo que estaba triste por que gañase o Partido Popular porque, segundo ela, se gobernase o PP non subirían as pensións co IPC e habería recortes de gasto público en Educación e Sanidade.
A tamén ministra de Traballo advertiu de que a intención do Goberno é seguir aprobando leis "para mellorar a vida das españolas e os españois" ata esgotar a Lexislatura e advertiu ademais que "queda o mellor por vir".
Isabel Rodríguez, pola súa banda, deslindou as eleccións autonómicas das xerais, á vez que reafirmaba a acción do Executivo para loitar contra a inflación e reivindicaba as medidas que adoptou contra as consecuencias da guerra.