Veciños de Suevos, en Arteixo, protestan pola constante circulación de camións a gran velocidade
O paso continuo de vehículos pesados está provocando fendas nas casas e fochancas no firme
Temen que se produza un accidente grave polo que esixen medidas urxentes
Pola estrada que atravesa Suevos, unha vía estreita, cheo de curvas e, en moitos treitos, sen beirarrúas, circulan acotío unha morea de vehículos pesados sen respectar os límites de velocidade.
"Hai sinais de 40, pero por aquí pasan a moitísima máis velocidade". "Camións, camións e camións pasan por aquí".
Nun vídeo gravado por un veciño, vese un coche parado na estrada para deixarlle sitio a un camión, porque os dous xuntos non pasan á vez, e que un peón agarda na beiravía. Unha escena que se repite, segundo os residentes, con moita frecuencia.
"Eu vivo na curva e o outro día baixaban por alí seis camións que agora ata me dá medo". "É un perigo, porque non podes ir cos nenos por aí".
Amais de supoñer un risco para a seguridade viaria, denuncian tamén danos nas vivendas máis próximas e a deterioración da estrada. "Temos fendas nas casas. E a estrada xa se ve como está".
Aseguran estar fartos. E por iso, este xoves, contra as cinco da tarde, vanse concentrar e cortar o tráfico para esixir medidas urxentes.