Prisión sen fianza para o detido polo incendio de Oímbra
O home foi detido e investigado por un delito de incendio en Oímbra por imprudencia grave, lesións graves e danos
.png)
O Xulgado de Primeira Instancia de Verín ordenou o ingreso en prisión "provisional comunicada e sen fianza" do home detido e investigado por un delito de incendio en Oímbra por imprudencia grave, lesións graves e danos.
Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a titular considera que existe "risco de fuga debido á gravidade das penas que se lle poderían impor, risco de destrución ou alteración de probas e reiteración delituosa" por parte deste veciño da Gudiña. Todo iso "sen prexuízo de que continúe a instrución e que se determinen as posibles responsabilidades civís e penais doutras persoas físicas ou xurídicas nestes feitos".
O pasado xoves, 14 de agosto, a Garda Civil detivo este home como presunto responsable do referido incendio forestal cando realizaba labores de limpeza e roza cun tractor nun momento no que se atopaba vixente o índice de risco extremo de incendio. Ao home atribúenselle dous delitos de incendio forestal por imprudencia grave e tres de lesións graves, xa que tres brigadistas sufriron queimaduras e permanecen ingresados no complexo hospitalario universitario da Coruña.