Publicador de contidos

Publicador de contidos

Récord de ventas e beneficios nas primeiras contas de Marta Ortega á fronte de Inditex

Récord de ventas e beneficios nas primeiras contas de Marta Ortega á fronte de Inditex

A compañía rexistrou un beneficio neto de 760 millóns de euros durante o primeiro trimestre, o cal supón un incremento do 80 % respecto a un ano antes

As vendas creceron un 36 %, ata os 6.742 millóns de euros, apoiadas pola "forte" recuperación do tráfico nas tendas

Inditex destacou que o crecemento foi "robusto" en todas as áreas xeográficas, coa excepción daqueles mercados, como Ucraína e Rusia, onde se manteñen pechadas temporalmente as tendas

G24.gal 08/06/2022 07:55 Última actualización 08/06/2022 18:40

Inditex rexistrou un beneficio neto de 760 millóns de euros durante o primeiro trimestre do seu exercicio fiscal 2022-2023 (entre o 1 de febreiro e o 30 de abril), o cal supón un incremento do 80 % respecto a un ano antes, grazas a un "forte" desempeño operativo, segundo informou este mércores o grupo, que presentou os primeiros resultados con Marta Ortega á fronte da presidencia.

A "forte recuperación" do tráfico nas tendas e as compras das novas coleccións das sete marcas do grupo axudaron a mellorar os 734 millóns que gañou en 2019, que ata a data era a maior cifra para un inicio de exercicio.

A compañía decidiu realizar unha provisión de 216 millóns de euros correspondentes a todos os gastos derivados da situación en Ucraína e Rusia. Esa provisión está rexistrada na liña "outros resultados" e sen ela o beneficio neto alcanzaría os 940 millóns de euros.

As vendas creceron un 36 %, ata os 6.742 millóns de euros, apoiadas pola "forte" recuperación do tráfico nas tendas e pola boa acollida por parte dos clientes das coleccións das sete marcas do grupo.

Inditex destacou que o crecemento foi "robusto" en todas as áreas xeográficas, coa excepción daqueles mercados, como Ucraína e Rusia, onde se manteñen pechadas temporalmente as tendas, e a plataforma en liña do grupo desde o 24 de febreiro e o 5 de marzo, respectivamente, ou A China, onde 67 tendas estiveron suxeitas a peches relacionados coa covid–19.

Estados Unidos segue crecendo de maneira "notable" e consolídase como segundo maior mercado do grupo. Así mesmo, segundo a firma, a venda en liña "segue mostrando a súa fortaleza", aínda que se situou un 6 % por baixo da do mesmo período do ano anterior, consolidando case na súa totalidade o crecemento do 67 % rexistrado no primeiro trimestre de 2021.

O conselleiro delegado de Inditex Óscar García Maceiras sinalou que estes resultados son froito "dun modelo diferenciado e a pleno rendemento". "A fortaleza e capacidade de adaptación do modelo de negocio e o sólido desempeño dos nosos equipos creativos, comerciais e operativos profundan a diferenciación da nosa proposta, cunha marcada orientación á innovación, a dixitalización e a sustentabilidade", engadiu. 

O grupo Inditex subiu en bolsa un 6,35 %, foi a maior subida do IBEX, despois de presentar os seus resultados do primeiro trimestre fiscal. Con esta suba volve liderar a lista de empresas da bolsa española por capitalización bursátil cun valor de 73.646,8 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade