Primeira xornada sen máscara nos patios escolares
O alto índice de vacinación infantil e a evolución da pandemia levou as autoridades sanitarias a deixar de recomendar o uso da máscara nos recreos ao aire libre
Saír a xogar ao aire libre, durante o recreo, sen necesidade de pór a máscara é xa unha realidade nos centros educativos de Galicia. As autoridades sanitarias decidiron eliminar esta recomendación, que xa non estaba en vigor noutras zonas de España, debido a boa evolución da pandemia e ao alto índice de vacinación infantil, dos máis elevados do Estado.
Así e todo as familias poden decidir que os rapaces as sigan usando. No CEIP Mestre Vide de Ourense eran moitos os que aínda se seguían protexendo a hora de saír ao patio. Como nos comenta o seu director, Juan Manuel Regal, "levan moito incidíndolle na importancia do seu uso e vai custar que lle perdan o medo".
Entre os pais, opinións enfrontadas. Hai quen defende que aínda hai moitos contaxios e que é mellor que os rapaces a sigan levando posta e os que ven unha liberación, sobre todo para os máis pequenos, nesta medida.
Por agora a máscara seguirá sendo obrigatoria no interior dos centros escolares.