Presentados os xerseis que vestirán os líderes de cada clasificación de O Gran Camiño
A Xunta agradece o compromiso das empresas patrocinadoras dos maillots de O Gran Camiño
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destaca o impacto da proba como escaparate deportivo e turístico de Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co secretario xeral para o Deporte, Roberto García, na presentación dos maillots da quinta edición de O Gran Camiño. The Historical Route, proba ciclista internacional que volverá percorrer as catro provincias galegas do 14 ao 18 de abril.
Durante o acto, Diego Calvo agradeceu o compromiso das empresas que colaboran con O Gran Camiño, representadas nos maillots que hoxe se presentaron. O verde da regularidade será patrocinado por Fe Seguros, o da montaña por Cortizo e o branco do mellor mozo por Conservas Cabo de Peñas. Pola súa parte, o amarelo do líder da clasificación xeral levará o nome da Xunta.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes salientou o papel da proba como un dos principais escaparates internacionais para proxectar a marca Galicia Calidade, tanto desde o punto de vista deportivo como turístico. Nesta liña, incidiu no impacto mediático das retransmisións televisivas da carreira en distintos países ao amosar a riqueza paisaxística e patrimonial da comunidade. Ademais, lembrou que é un motor económico e dinamizador para os territorios polos que discorre.
O Gran Camiño, que se disputará por primeira vez na primavera, volverá percorrer as catro provincias galegas en cinco etapas. Logo de arrancar o martes 14 de abril na coruñesa Torre de Hércules cunha contra o reloxo individual, percorrerá A Terra Chá e A Mariña (Lugo), unirá Carballo con Padrón (A Coruña), vivirá unha esixente xornada de montaña entre Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo (Ourense) e rematará o domingo 18 no Monte Trega, na Guarda, logo de saír das Neves (Pontevedra).