Preocupación no barrio ourensán da Ponte polos últimos roubos
Roubos en establecementos, vehículos e a queima de colectores na avenida das Caldas
O negocio de Pilar foi o último asaltado no barrio da Ponte. Buscaban cartos en efectivo.
"A min chamáronme ás catro da mañá, colleran o sumidoiro, romperan o cristal... Chamou un veciño de aquí a policía e xa o pillaron aí abaixo. Os cartos recuperámolos, pero os estragos foron bastantes".
O dela foi o último, pero non o único, a semana pasada asaltaron a dependenta desta perfumería cando pechaba o negocio contra as oito da tarde. Un home entrou, colleu dous perfumes e saíu correndo. De madrugada o obxectivo foi esta panadería situada apenas uns metros máis abaixo, na rúa San Rosendo.
"Colleu o sumidoiro e rebentou o cristal, fixo aí un burato grande, entrou, colleu a caixiña que teño dos cambios e marchou. Os veciños escoitaron o ruído, dous saíron á ventá e viron que marchaba correndo. E a mañá cando cheguei atopeime co percal".
Veciños e comerciantes relatan outros incidentes acontecidos nos últimos meses. Roubos noutros establecementos ou vehículos ou a queima de colectores na avenida das Caldas.
"Nunha semana aí eses dous, o outro día arrastraron a unha señora para levarlle o bolso... entón a xente está preocupada".
"A min rompéronme un cristal da furgoneta para mirar o que había dentro, que non había nada".
"Ata agora non houbera roubos deste tipo, algún nas Caldas, pero non aquí, e levo vivindo aquí toda a vida".
Aseguran que este foi sempre un barrio tranquilo e confían en que volva a selo o antes posible. Coidan que se debería incrementar a vixilancia policial no barrio, especialmente na zona da estación de tren, que é onde se atopan a maioría destes negocios.