Preocupación entre os panadeiros pola suba no prezo dos combustibles
Din estar nunha situación límite polo incremento dos gastos en combustible para facer os repartimentos nas zonas rurais
Os panadeiros galegos alertan das dificultades que atopan para manter as súas liñas de repartición nas zonas rurais pola suba no prezo dos carburantes.
Levan anos facendo percorridos nos máis dos casos de máis de cen quilómetros ao día para repartir o pan, pero agora, din, están moi preocupados polo futuro. Todo debido a esa continua suba no prezo dos carburantes. Contan que agora xa non lles compensa coma antes chegar a tantos sitios como fan ata o de agora, pero que é un servizo que de momento van manter porque consideran que é imprescindible sobre todo nas zonas rurais.
Cada xornada, ademais de supermercados e cafeterías, Cristina percorre unha ducia de localidades espalladas por varios concellos da provincia de Ourense. Fai máis de cen quilómetros ao día durante a repartición. Hai pouco tivo que reducir a ruta.
"Nunha destas localidades xa tiven que deixar de repartir porque imos moitos panadeiros, que temos que gañar a vida, e queda moi pouca xente nas aldeas. Fas moitos quilómetros e a ganancia o final é moi pouca e son moitos gastos. Debido aos prezos estamos moi saturados, estamos ao límite", explica a panadeira Cristina Cao.
Esa mesma inquedanza transmiten dende a Confederación Galega de Panaderías.
"Co prezo que ten o combustible e con todos os gastos que teñen, nas aldeas queda moi pouca xente... os repartimentos traen perdas moi grandes. Hai moitos panadeiros que din "eu vouno deixar", pero é triste ver que eses sitios quedan perdidos da man de deus por non lles botar unha man", apunta Roberto González, presidente da Confederación galega de panaderías.
Porque é precisamente nesas zonas rurais e especialmente nas provincias de Lugo e Ourense onde a súa presenza se fai máis necesaria. Dende a Asociación de Panadeiros reclaman axudas á Administración para poder seguir desenvolvendo o seu traballo como ata o de agora.