Portugal prorroga as restricións, pero abrirá os colexios o luns
O teletraballo será obrigatorio nos sectores que sexa posible ata o 14 de xaneiro
Os controis fronteirizos efectuaranse ata o 9 de febreiro

O Goberno portugués prorrogou hoxe os controis fronteirizos e outras restricións que estaban vixentes para combater o avance de ómicron, que deixa cifras récord de contaxios no país, pero abrirá as escolas o vindeiro luns.
As medidas foron adoptadas no consello de ministros deste xoves, cando as autoridades notificaron 39.074 contaxios de covid-19, moi preto do máximo de toda a pandemia rexistrado un día antes, e tras unha reunión cos epidemiólogos para avaliar a situación tras as festas.
Pese ao récord de contaxios, os niveis de mortalidade e ingresados mantéñense moderados en Portugal -25 mortes e 1.311 persoas nos hospitais este xoves-, como lembrou o primeiro ministro, António Costa, na conferencia de prensa de presentación de medidas.
"Non estamos nunha situación de presión nos ingresos nin nos coidados intensivos", sinalou Costa, que asegurou que a situación é "tranquila" pero é necesario actuar con "cautela" ante o avance de ómicron, que xa ten unha prevalencia do 90 % no país.
A expectativa é que Portugal, onde a incidencia a 14 días supera os 2.100 casos por 100.000 habitantes, rexistre un "crecemento significativo" dos contaxios nos próximos días, polo que o Goberno decidiu prorrogar a maior parte das restricións que están en vigor.
Teletraballo obrigatorio nos sectores que sexo posible
O teletraballo obrigatorio, que estaba vixente ata o día 10, prorrógase ata o 14 de xaneiro e despois desa data será recomendado.
Con todo, a volta ás aulas, que xa fora posposta anteriormente ao próximo luns día 10, manterase para esa data, cunha campaña de test en paralelo á vacinación dos nenos e os profesores durante as dúas seguintes semanas.
O 14 de xaneiro poderá reabrir finalmente o lecer nocturno, que permanecía pechado desde o 25 de decembro, aínda que para acceder esixirase test negativo, e mantense a prohibición do consumo de alcol na vía pública.
O test tamén será obrigatorio para visitar residencias e hospitais, grandes eventos e recintos deportivos, aínda que quedan exentos os que xa recibisen a dose de reforzo da vacina contra a covid-19 hai máis de 14 días.
Para acceder a restaurantes, hoteis e outros aloxamentos turísticos, ximnasios e eventos e espectáculos culturais como cinemas será suficiente co certificado dixital, incluído o de vacinación, e mantéñense os límites de aforo no comercio.
Tamén continúan os controis fronteirizos: a esixencia de test negativo para acceder ao país por vía aérea, vixente desde o 1 de decembro, prolongarase ata o 9 de febreiro, así como as sancións ás aeroliñas que deixen embarcar a pasaxeiros sen a proba, que podían ascender a 20.000 euros.
Desde que a medida entrou en vigor, multouse a preto de 2.000 pasaxeiros e 38 compañías por falta de tests, segundo os datos divulgados este xoves polo Executivo.
Novas medidas de illamento
Portugal tamén estrea novas medidas para os illamentos, que xa foran avanzadas pola Dirección Xeral de Saúde lusa e que reducen a unha semana o tempo que deben permanecer sen saír de casa os asintomáticos e os que rexistren síntomas leves.
O illamento só se aplicará aos positivos e aos seus conviventes, aínda que se estes últimos xa recibiron a dose de reforzo quedan exentos de confinarse.
En Portugal, con 10,3 millóns de habitantes, o 89 % da poboación total ten a pauta primaria completa, porcentaxe que ascende a máis do 98 % se só se ten en conta aos maiores de 11 anos.
Ademais, tres millóns de persoas xa recibiron a dose de reforzo. O país afronta actualmente a súa quinta vaga de contaxios e acumula desde que estalou a pandemia 1.539.050 infeccións e 19.054 falecementos.