Pontón ve machismo no rexeitamento de debate de Rueda
"Pídolle menos paternalismo, menos machismo e máis debate e talante democrático"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que ve machismo no rexeitamento por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a un debate electoral: "Pídolle menos paternalismo, menos machismo e máis debate e talante democrático".
Pontón propuxo un debate na TVG cos seus homólogos no PPdeG e o PSdeG, Rueda e González Formoso, para explicar que fará cada forza política a partir das eleccións xerais do 23 de xullo respecto a Galicia, tal como se fixo en 2008 a proposta de Alberto Núñez Feijóo. Rueda rexeitouno e dixo que a portavoz do BNG está "moi necesitada", unha frase que Pontón censurou con énfase.
"Hai cousas que non temos que soportar as mulleres en política. Cando o propuxo Feijóo en 2008, simplemente valórase e non se entra en descualificacións de carácter persoal", apuntou.
Di que agora, en 2023, ao propoñelo "unha muller portavoz do BNG" téñense que "escoitar descualificacións de carácter persoal" como que está "necesitada de atención".
"Este tipo de afirmacións e esta dobre vara de medir non se ten que tolerar. Hai que denunciar este machismo. Retrata quen é o señor Rueda e como se comporta o Partido Popular", sinalou.
Pediu "que recapacite" e acepte un debate similar ao realizado en 2008, en que participaron tamén Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana.
"Pídolle menos paternalismo, menos machismo e máis debate e talante democrático", abundou a portavoz nacionalista.
Na súa opinión, "detrás da negativa de Rueda" hai outras "escusas de mal pagador" nas que ve "vergoña e medo".
A primeira "polo papel que fixeron os seus 10 deputados en Madrid" e a segunda porque cre que se podería demostrar "a inutilidade do seu partido", "todo isto, por encima, alentado por machismo", concluíu.