Pontón, sobre o polémico cartel da CIG: "Non aceptamos leccións de feminismo do PP"
Pontón afirmou que á conselleira de Política Social hai que "criticala polas súas actuacións", e sostivo que "en materia de dependencia é un escándalo o que pasa" en Galicia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou este mércores que o seu partido non acepta "leccións de feminismo do Partido Popular", en referencia ás críticas que suscitou no PP un controvertido cartel do sindicato CIG sobre a conselleira de Política Social, Fabiola García.
"Non aceptamos leccións de feminismo do Partido Popular porque, sobre todo, estamos a esperar que Rueda se desculpe das súas declaracións paternalistas e machistas do último pleno", indicou a líder nacionalista galega nun acto en Vigo.
Pontón referiuse deste xeito a un cartel da CIG en que unha muller -a conselleira de Política Social- está sentada nunha cadeira de brazos, cun bolso na man dunha marca de luxo e cos pés en alto.
Fóra de campo, alguén do seu departamento dille: "Señora Fabiola, outra vez eses traballadores de residencias de maiores pedindo máis persoal para atender os ingresos psiquiátricos", ao que a suposta conselleira, representada da anterior forma, responde: "Buff, abúrrenme... Dígalles que non molesten e que se poñan a traballar coma min... As rebaixas mátanme!!!"
Ademais, hai outras mensaxes do sindicato en que reclaman máis persoal para as residencias de maiores e critican a xestión da conselleira nestes centros.
Pontón afirmou que á conselleira de Política Social hai que "criticala polas súas actuacións" e sostivo que "en materia de dependencia é un escándalo o que pasa" en Galicia. "Morre xente esperando pola Lei de dependencia", asegurou a portavoz nacional do BNG, que aludiu a "feitos moi graves" en residencias onde se tratan problemas de saúde mental.
Para ela, hai "un problema moi grave" na actuación que se está producindo no ámbito da Consellería de Política Social e "sobran motivos para criticar" a titular.
"Ás mulleres en política hai que criticarnos como aos homes polo que facemos, e esa é a cuestión clave. Sobran os motivos para esteamos alarmados polo caos que hai neste momento na Consellería", advertiu.
Pontón sinalou que "se trata de forma inxusta as traballadoras sociais e non se dá resposta ás necesidades sociais en ámbitos tan importantes como poden ser as residencias ou a atención a dependencia".
Por todo iso asegurou que García "debería asumir a súa responsabilidade", porque a situación é "gravísima".