Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón pide a comparecencia de Rueda polo "colapso" das urxencias en Galicia

Pontón pide a comparecencia de Rueda polo "colapso" das urxencias en Galicia

Cre que Rueda debe explicar tamén "a falta de previsión do seu Goberno" ante o pico da gripe e se vai adoptar "algunha medida real" para cambiar a situación da sanidade galega

Ana Pontón atende os medios ante as instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro tras a manifestación convocada polo sindicato O'Mega (EFE/Salvador Sas)
G24.gal 14/01/2026 15:29

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu este mércores a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no primeiro pleno do Parlamento para dar explicacións ante o "colapso" dos servizos hospitalarios de urxencias e a "deterioración" da situación sanitaria en Galicia.

En declaracións aos medios ás portas do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Pontón considerou que Rueda debe explicar tamén "a falta de previsión do seu goberno" ante o pico da gripe e se vai adoptar "algunha medida real" para cambiar a situación da sanidade galega.

A dirixente nacionalista cualificou de "crítica" esa situación e acusou ao PP de estar "a poñer en risco a saúde da cidadanía" tras 16 anos de políticas de "recortes e privatizacións" que, ao seu xuízo, levaron ao estado actual.

Asegurou que as urxencias "están colapsadas e centos de pacientes permanecen amontoados durante días nos corredores dos hospitais" e que en atención primaria "en moitos lugares hai que esperar máis de tres semanas para poder acudir ao médico de cabeceira".

Pontón exemplificou a deterioración da sanidade pública galega na área sanitaria de Vigo, que "sofre unha situación moi preocupante" e cun hospital Álvaro Cunqueiro que "non ten capacidade para dar resposta ás necesidades da poboación".

"Non chegamos ata aquí por casualidade, este é o resultado dunha política de voadura controlada do PP da nosa sanidade pública para beneficiar clara e descaradamente á sanidade privada", aseverou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade