Dinamarca anuncia o reforzo da presenza militar en Groenlandia xunto con aliados da OTAN
Donald Trump alude a motivos de defensa nacional para xustificar facerse co control de Groenlandia
Trump asegura que con Groenlandia "en mans dos EUA" a OTAN será máis eficaz
O ministro de Asuntos Exteriores danés, Lars Løkke Rasmussen, e a súa homóloga groenlandesa, Vivian Motzfeldt, reúnense na Casa Branca con Marco Rubio e o vicepresidente Vance
O Ministerio de Defensa de Dinamarca anunciou que aumentará a partir deste mércores a presenza militar e as manobras en Groenlandia, en colaboración cos seus aliados da OTAN, debido ao incremento das tensións no Ártico.
O movemento prodúcese despois de que os Estados Unidos amosasen o seu interese en facerse con este territorio danés ben sexa mediante compra ou pola forza.
O ministro de Asuntos Exteriores danés, Lars Løkke Rasmussen, e a súa homóloga groenlandesa, Vivian Motzfeldt, reúnense na tarde deste mércores na Casa Branca co secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, nun encontro en que exercerá de anfitrión o vicepresidente JD Vance.
“O obxectivo (da despregadura militar en Groenlandia) é adestrarse na capacidade para operar nas condicións especiais do Ártico e reforzar a pegada da Alianza no Ártico, en beneficio tanto da seguridade europea como transatlántica”, sinalou nun comunicado Defensa, que engade que haberá maior presenza en e arredor da illa de “avións, barcos e soldados, tamén dos aliados da OTAN”.
Entre as posibles actividades que se realizarán este ano menciónase a protección de instalacións esenciais para a sociedade, axuda ás autoridades (incluída a policía), recepción de tropas aliadas, despregadura de cazas e tarefas militares para a Mariña.
O Comando Ártico (responsable da defensa nos territorios autónomos daneses de Groenlandia e as Illas Feroe) “informará de forma continua os groenlandeses sobre as actividades e terá un diálogo estreito coas autoridades e actores groenlandeses relevantes”.
Defensa lembra que o verán pasado xa aumentou a súa presenza na illa con varias iniciativas, entre as que menciona as manobras realizadas con outros catro países da OTAN (Francia, Noruega, Suecia e Alemaña).
“A seguridade no Ártico ten un significado fundamental para o Reino de Dinamarca e os nosos aliados e por iso é importante que fortalezamos aínda máis a nosa capacidade de operar na rexión, xunto cos nosos aliados”, sinalou no comunicado o ministro de Defensa danés, Troels Lund Poulsen.
Poulsen engadiu que, nas próximas semanas, Dinamarca e os seus aliados “árticos e europeos” determinarán como se plasmará de forma concreta o aumento de militares e de actividade militar.
A televisión pública danesa DR informara horas antes do envío a Groenlandia dun comando de avanzada para preparar a chegada de máis efectivos militares.
Un avión do Exército danés aterrou o luns pola noite no aeroporto de Nuuk, capital de Groenlandia, de acordo con imaxes difundidas por DR.
Dinamarca anunciou no último ano unha partida duns 42.000 millóns de coroas danesas (uns 6.000 millóns de euros) para reforzar de forma directa a defensa en Groenlandia, o que inclúe máis barcos, máis satélites e máis drons.
O ministro de Defensa danés, Troels Lund Poulsen, reiterou o martes que Copenhague está disposto a aumentar a presenza militar no Ártico. Os EUA acusaron a Dinamarca de descoidar a súa defensa ante a suposta presenza de barcos rusos e chineses nas súas proximidades, a pesar de que Washington tamén reduciu a súa presenza militar en Groenlandia, onde posúe unha base ao norte da illa.
Varios países europeos, con Reino Unido e Alemaña á cabeza, comentaron esta semana que estudan a posibilidade de que a OTAN aumente a súa presenza na illa para tratar de acougar o presidente estadounidense, Donald Trump, que alude a motivos de defensa nacional para xustificar facerse co control de Groenlandia.
O ministro de Asuntos Exteriores danés, Lars Løkke Rasmussen, e a súa homóloga groenlandesa, Vivian Motzfeldt, reúnense na tarde deste mércores na Casa Branca co secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, nun encontro no que exercerá de anfitrión o vicepresidente JD Vance.