Publicador de contidos

Publicador de contidos

Polonia descarta que a fuga de petróleo nun dos seus oleodutos sexa unha sabotaxe

Polonia descarta que a fuga de petróleo nun dos seus oleodutos sexa unha sabotaxe

Varias unidades despregadas na zona para bombear o petróleo filtrado extraeron xa uns 400 metros cúbicos de combustible

Haberá que retirar todo o petróleo para poder saber con certeza a causa do sinistro

O treito afectado pode transportar ata 77 millóns de toneladas de petróleo ao ano

Este oleoduto une os xacementos de petróleo de Siberia occidental con Europa e abastece unha refinería de Alemaña

 

G24.gal 12/10/2022 15:38

A empresa que xestiona o oleoduto Druzhba investiga as causas da fuga subterránea detectada nas últimas horas. E polo de agora descarta que se trate dunha sabotaxe.

Os técnicos de PERN, compañía que explota o treito polaco do oleoduto, atópanse no punto onde se produciu a avaría, situado en Lania, a uns 150 quilómetros de Varsovia.

Só una das tubaxes da liña resultou afectada e a outra "funciona con normalidade". O treito afectado é o de máis capacidade dos dous que ten o oleoduto e pode transportar ata 77 millóns de toneladas de petróleo ao ano.

Segundo informou á prensa polaca a voceira dos bombeiros, hai dúas unidades despregadas na zona que traballan no bombeo do petróleo filtrado e que extraeron xa uns 400 metros cúbicos.

"A fuga produciuse nun campo de millo, lonxe de edificacións e vías de comunicación; trátase dunha fuga subterránea e de momento ignoramos o seu alcance", explicou a voceira.

As tarefas de limpeza continúan e, segundo os bombeiros, cando se consiga extraer a maior parte do petróleo vertido poderanse identificar as causas da avaría.

O oleoduto Druzhba, que significa "amizade" en ruso, é un dos máis longos do mundo e foi construído pola Unión Soviética para unir os xacementos de petróleo de Siberia occidental con Europa.

O brazo norte atravesa Polonia e chega ata Alemaña, onde abastece á refinería alemá de Schwedt.

Hai poucos días, Varsovia elevou o seu nivel de alerta ao segundo máis alto para "asegurar as infraestruturas enerxéticas" nacionais e manteraa vixente ata o 30 de novembro.

Esta decisión tomouse despois das sabotaxes de autoría descoñecida producidas no gasoduto Nord Stream.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade