Soben a 23 os mortos no maior ataque de Rusia contra Ucraína dos últimos meses
É a primeira ofensiva da anunciada campaña rusa de ataques a centros de toma de decisións do Estado ucraíno
Ucraína informa dun ataque contra unha refinería do sur de Rusia
Impacto do ataque ruso en Kíiv (Reuters)
O número de mortos no maior ataque ruso a Ucraína dos últimos meses, que tivo lugar na noite do luns e foi un dos máis masivos de toda a guerra, ascende xa a 23, incluído un neno, tras actualizar este martes as autoridades ucraínas a cifra de falecidos.
Un dos mortos en Dnipropetrovsk é un neno cuxo cadáver foi atopado entre os entullos dun edificio destruído polo ataque ruso, segundo explicou tamén en Telegram o gobernador da rexión, Oleksandr Ganzha.
O ataque masivo ruso provocou decenas de feridos nestas dúas cidades e noutros lugares de Ucraína como a urbe de Khírkov, no nordés do país, segundo o ministro do Interior.
O Ministerio de Defensa de Rusia confirmou o ataque masivo co exército ruso con mísiles e drons contra empresas do complexo industrial militar ucraíno e infraestrutura crítica de Kíiv e outras seis rexións de Ucraína.
"Esta noite, en resposta aos ataques terroristas do réxime de Kíiv, as Forzas Armadas rusas lanzaron un ataque masivo con armamento aéreo, terrestre e marítimo de longo alcance e precisión, incluídos mísiles hipersónicos e drons", sinalou o mando militar ruso nunha nota publicada en MAX.
Segundo Defensa, o ataque tivo como obxectivo instalacións do complexo industrial militar en Kíiv, Zaporijia, Khírkov e Dnipropetrovsk, e nas rexións de Poltava, Khmelnitski e Sumi, infraestrutura de combustible e transporte ucraínas utilizadas polo exército de Ucraína e aeródromos militares.
"O ataque logrou o seu propósito, todos os obxectivos foron alcanzados", concluíu.
Segundo o parte deste martes da Forza Aérea ucraína, Rusia empregou 73 mísiles de distintos tipos no ataque, entre eles 33 de tipo balístico, e 656 drons de longa distancia, algo que Moscova non confirmou no seu comunicado.
As defensas aéreas ucraínas lograron neutralizar 40 dos mísiles e 602 drons, mentres que outros 33 mísiles e outros tantos drons non puideron ser interceptados e impactaron en 38 localizacións distintas de Ucraína non especificadas pola Forza Aérea no parte, que tamén informa da caída de fragmentos de proxectís derrubados noutros quince lugares.
Zelenski pide máis axuda contra os mísiles balísticos
Tanto o presidente Zelenski como o seu ministro de Exteriores, Andrí Sibiga, destacaron o problema que supoñen para Ucraína os mísiles balísticos inimigos nas súas mensaxes de condena do ataque.
“Europa necesita das súas propias defensas antibalísticas para que esta guerra termine finalmente. E a asistencia dos EUA na subministración de mísiles para os sistemas Patriot é absolutamente necesaria”, escribiu en X Zelenski.
Sibiga foi máis concreto que o seu xefe á hora de propoñer novas fórmulas para poñer solución ao déficit en mísiles antibalísticos que sofre Ucraína. “Utilicen o Fondo Europeo de Apoio á Paz”, dixo o xefe da diplomacia ucraína, "para financiar o programa PURL e comprar sistemas Patriot adicionais e mísiles para Ucraína”.
O Fondo Europeo para a Paz serve para pagar armamento europeo para Ucraína, pero ata o momento non se empregou para facer achegas ao PURL, o programa que permite a Kíiv recibir armamento dos EUA -como os mísiles PAC-3 para os sistemas Patriot que precisa para derrubar mísiles balísticos- con achegas do orzamento nacional de socios sobre todo europeos de Ucraína.
É previsible que a proposta formulada por Sibiga provoque reticencias entre Estados membros da UE como Francia, que non contribuíu ata o de agora ao programa PURL pola súa insistencia na necesidade de que Europa gaste o seu diñeiro na súa propia industria armamentística e non na dos EUA.
Tanto Zelenski como Sibiga fixeron así mesmo un chamamento para que Ucraína e os seus socios europeos aceleren o seu traballo en materia de mísiles balísticos, que ten entre as súas prioridades declaradas a produción deste tipo de armamento no menor tempo posible para deixar de depender nese sentido dos EUA.
Unha nova fase na guerra, segundo Putin
Trátase da primeira ofensiva desta dimensión lanzada polas forzas do Kremlin despois de que Moscova anunciase a finais de maio o comezo inminente dunha campaña de ataques a centros de toma de decisións do Estado ucraíno.
A véspera, o presidente ruso Vladimir Putin alertou de que tras o ataque ucraíno contra unha residencia estudantil en Lugansk do pasado 22 de maio en que faleceron 21 persoas, incluídos menores de idade, a guerra en Ucraína pasara a unha nova fase desde o punto de vista cualitativo.
Dous días despois do ataque contra a residencia estudantil, o exército ruso lanzou un ataque masivo que incluíu mísiles balísticos, de cruceiro e tamén hipersónicos, como o temible Oréshnik, alén dun milleiro de drons, e anunciou unha campaña de bombardeos contra os centros de mando e as empresas da industria militar en Kíiv.
Ademais, as autoridades rusas cominaron os cidadáns estranxeiros e o persoal diplomático a que abandonen canto antes a capital ucraína.
Ucraína informa dun ataque contra unha refinería do sur de Rusia
O Estado Maior ucraíno informou este martes dun ataque aéreo de longa distancia durante esta madrugada polas forzas armadas do país contra a refinería da cidade de Ilski da rexión de Krasnodar, no sur da Federación Rusa.
Segundo a nota do Estado Maior, a refinería é unha das máis importantes do sur de Rusia e procesa ao ano uns 6,6 millóns de toneladas de petróleo. Os produtos que saen de alí son utilizados, entre outros, polo exército ruso, segundo o comunicado.
“Confirmouse un impacto no obxectivo e, como resultado diso, un incendio nas instalacións. Está a establecerse a magnitude dos danos”, lese no comunicado.
O texto dá conta tamén doutros ataques levados a cabo por Ucraína durante a noite nos territorios ucraínos ocupados por Rusia. Nun deles as forzas ucraínas destruíron un sistema de defensa aérea Pantsir S-1 en Crimea.
Os ataques ucraínos contra a infraestrutura e a loxística de combustible na retagarda rusa causaron problemas de abastecemento no sur de Rusia e na anexionada península ucraína de Crimea, onde as autoridades se viron obrigadas a limitar a venda de gasolina.
Segundo informou este martes o Ministerio de Defensa de Rusia, durante a pasada noite as defensas antiaéreas derrubaron 148 drons ucraínos de á fixa sobre oito rexións rusas, Crimea e os mares Negro e Azov.