Publicador de contidos

Publicador de contidos

Podemos pide que España rompa relacións diplomáticas con Israel

Podemos pide que España rompa relacións diplomáticas con Israel

A ministra Ione Belarra insta o PSOE a "tomar máis en serio a loita contra o xenocidio" 

Sumar avoga por que España recoñeza unilateralmente o Estado de Palestina

O ministro de Exteriores solicita que a Unión Europea se posicione con "claridade e firmeza" ante o conflito en Oriente Próximo

G24.gal 18/10/2023 15:06

PSOE e Sumar tentan achegar posturas, por exemplo, na resposta do Ministerio de Exteriores ao comunicado da Embaixada de Israel en España en que se criticaba ministros do Goberno. Segundo a voceira de Sumar, o texto foi "acordado e pactado coa vicepresidenta Yolanda Díaz".

Os socios da coalición coinciden en condenar os ataques á poboación civil, sexan de Hamas ou do Estado de Israel. Cren que a solución á guerra pasa polo recoñecemento do Estado palestino. Os socialistas apelan á Unión Europea.

Na súa comparecencia no Parlamento Europeo, o ministro de Asuntos Exteriores en funcións, instou a UE a actuar con "claridade e firmeza". "E iso pasa, ineludiblemente, pola solución de dous estados: un Estado de Israel e un Estado de Palestina", afirmou José Manuel Albares.

Pero Sumar pídelle ao Goberno que actúe á marxe da Unión Europea. Segundo Marta Lois, voceira da formación no Congreso, "España ten que ser valente e, ao igual que outros países como Suecia ou Grecia, facer unha declaración unilateral e urxente para avanzar na paz".

Pola súa banda, as ministras de Podemos reclaman protagonismo e iniciativa. Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais, pediulle hoxe PSOE "tomar máis en serio a loita contra este xenocidio planificado que está levando a cabo Israel contra o pobo palestino".  Na súa opinión, "España debería suspender urxentemente as relacións diplomáticas co Estado de Israel".

Na parte socialista do executivo, Félix Bolaños, ministro da Presidencia en funcións, evitou desautorizar a Belarra, pero recórdalle que "a posición das relacións exteriores do noso goberno fíxaa o presidente".

Pola súa banda, o presidente do PP reuniuse con dous exministros de Exteriores do seu partido e diversos expertos para analizar a situación en Oriente Próximo. Tras o encontro, o vicesecretario do partido, Esteban González Pons, asegurou que "o presidente Pedro Sánchez non comparece no parlamento español nin o solicita, tampouco o ministro Albares, porque non poden, porque non falaron con Israel. E se non falaron con Israel, de que van informar o parlamento español?".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade