Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nova derrota do Goberno: Podemos e críticos de Sumar tomban o pacto migratorio de PSOE e Junts

Nova derrota do Goberno: Podemos e críticos de Sumar tomban o pacto migratorio de PSOE e Junts

A delegación da competencia, pactada entre o PSOE e Junts non superou o primeiro paso na tramitación parlamentaria

Compromís e Chunta Aragonesista romperon a disciplina de voto do seu grupo, Sumar; Podemos cre que se trata dunha lei "racista"

O Goberno acumula tres semanas seguidas perdendo unha lei no Congreso

A proposición de lei foi rexeitada con 177 votos en contra
G24.gal 23/09/2025 21:14 Última actualización 23/09/2025 21:40

Os votos en contra de PP, Vox, Podemos, UPN e dun deputado de Compromís e outro a Chunta Aragonesista, que romperon a unidade de voto do seu grupo, Sumar, frearon a lei para a delegación de competencias migratorias para Cataluña pactada entre PSOE e Junts, que non superou o seu primeiro paso na tramitación parlamentaria.

Con 177 votos en contra, 173 a favor e ningunha abstención, a proposición de lei foi rexeitada, como estaba previsto despois de que PP, Vox e Podemos anunciasen o seu rexeitamento; os dous primeiros por considerar que non ten encaixe constitucional e é unha cesión da os independentistas e Podemos, por considerala unha lei "racista".

A favor de tramitar a lei pronunciáronse os outros 173 deputados, de PSOE, Sumar, ERC, Junts, Bildu, PNV, BNG, CC e a outra metade de Compromís (Agueda Micó), máis o exministro José Luis Ábalos.

"Trata a inmigración como un perigo social"

A formación violeta foi moi contundente ao rexeitar esta proposición de lei e o seu deputado Javier Sánchez asegurou que a iniciativa "trata a inmigración como un perigo social" e versa sobre "que administración exerce o racismo e a presión sobre a poboación".

Ademais de Podemos, PP e Vox mostraron o seu rexeitamento á iniciativa, neste caso por considerar que non ten encaixe no artigo 150 da Constitución, como defenden os seus impulsores, e consideralo unha mostra de submisión cara aos independentistas cataláns.

O popular Nacho Martín asegurou que a norma adopta "a lóxica perversa dos partidos nacionalistas" e sentenciou que, aínda que a Constitución permite delegar certas competencias ás comunidades, isto non se pode aplicar cando se trata de determinar "quen é cidadán español", "cales deben de ser as fronteiras de España" ou "quen pode vir traballar no noso país". 

A proposta buscaba delegar a Cataluña, entre outras competencias, a tramitación de permisos de residencia a estranxeiros, a xestión integral dos Centros de Internamento de Estranxeiros e a seguridade de portos e aeroportos por parte dos Mossos, en colaboración con Policía e Garda Civil.

O Goberno suma tres semanas de derrotas no Congreso

A caída da proposición de lei do PSOE e Junts para o traspaso a Cataluña das competencias en materia de inmigración, rexeitada este martes pola noite no Pleno do Congreso, implica que o Goberno pecha o mes de setembro con tres semanas consecutivas perdendo unha iniciativa lexislativa.

A semana pasada, o Congreso tombou, cos votos do PP, Vox e Junts, a iniciativa lexislativa presentada por Sumar e apoiada polo PSOE para a creación da Oficina de Prevención da Corrupción.

E os tres mesmos partidos derrubaron a semana anterior, no primeiro Pleno do novo período de sesións, o proxecto de lei do Goberno para a redución da xornada laboral a 37,5 horas impulsado polo departamento que dirixe a vicepresidenta Yolanda Díaz.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade