Podemos di que a súa organización en Galicia é autónoma "para negociar o acordo máis útil"

A secretaria xeral da formación morada, Ione Belarra, asegura que a decisión de pasar ao Grupo Mixto foi "difícil", pero que "Podemos pasou páxina"

G24.gal 06/12/2023 11:21 Última actualización 06/12/2023 11:45

A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, asegurou este mércores que os integrantes da súa formación en Galicia teñen autonomía "para negociar o acordo que consideren máis útil"

Nas primeiras declaracións da líder morada e xa exdeputada de Sumar tras a ruptura onte do seu partido coa coalición de Yolanda Díaz, asegurou que as direccións territoriais teñen autonomía para decidir o que máis lles convén á súa xente.

Non obstante, tras o anuncio de que os deputados de Podemos integrarían o Grupo Mixto, rompéronse as negociacións que mantiñan con Sumar e EU para impulsar unha candidatura conxunta para as eleccións en Galicia e Euskadi do ano que vén, e polo tanto haberá que ver que camiño toman nos próximos días.

Belarra xustificou a ruptura con Sumar porque non lles quedou "outro remedio" para seguir sendo unha "ferramenta útil" que permita continuar coas transformacións "valentes" que necesita este país.

Insistiu en que tomaron unha decisión "difícil pero imprescindible" para poder cumprir co mandato "da xente que cre en Podemos".

Belarra, nunha comparecencia no Congreso onde se conmemora o 45 aniversario da Constitución, evitou pronunciarse sobre a etiqueta de "tránsfugas" que lles puxeron desde Sumar por deixar a coalición para irse ao Grupo Mixto e sinalou que xa "pasaron páxina" a estes momentos "extraordinariamente difíciles".

Agora, con forzas renovadas, apuntou, póñense a traballar nese camiño de "medidas valentes" no que levan desde hai moito tempo, especialmente desde o seu labor no Goberno anterior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade