Publicador de contidos

Publicador de contidos

Obras en Eiras interromperán a subministración de auga este xoves en concellos da área de Vigo

Obras en Eiras interromperán a subministración de auga este xoves en concellos da área de Vigo

O encoro deixará de fornecer auga desde as 8:00 horas e o abastecemento con normalidade demorarase ata as 18:00 horas 

Dependendo das reservas de auga estudarase o peche dos polígonos empresariais afectados: A Granxa, As Gándaras e Veigadaña

Vanse realizar traballos nos condutos de saída da presa

Eiras abastece a unhas 400.000 persoas entre os municipios de Vigo, Cangas, Moaña, Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Vilaboa

Encoro Eiras (Arquivo) Encoro Eiras (Arquivo)
G24.gal 11/08/2026 18:30

Obras no encoro de Eiras interromperán a subministración de auga en varios concellos da área de Vigo durante gran parte deste xoves, prevéndose que os traballos se realicen entre as 08:00 e as 14:00 horas, pero estimándose que a volta á normalidade non chegará ata as 18:00 horas.

Segundo informa o Consorcio de Augas do Louro, non haberá corte de subministración efectiva, xa que os municipios dispoñen de depósitos.

A entidade pediu aos veciños que extremen as medidas de aforro, sobre todo no Porriño ou en Mos, onde os depósitos son máis pequenos. Así, solicita evitar regar, encher as piscinas ou lavar os vehículos, xa que deste aforro dependerá a duración desas reservas.

"Se as empresas e os veciños son responsables, poderemos ter auga para o esencial durante todo o día", explicou o propio alcalde porriñés e presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo, quen aclarou que "esta é unha obra fundamental para o abastecemento" e terá unha "gran complexidade técnica".

Os traballos consistirán en realizar unha actuación nos condutos de saída da presa, que máis adiante permitirá o cambio definitivo das válvulas.

Dependendo das reservas de auga ás 14:00 horas do xoves, se fose necesario, estudarase o peche dos polígonos empresariais afectados: A Granxa, As Gándaras e Veigadaña.

Redondela tamén alerta de "posibles complicacións" no abastecemento

Tamén o Concello de Redondela alertou de "posibles complicacións" na subministración de auga polo corte da canle de Eiras anunciado por Augas de Galicia.

A alcaldesa, Digna Rivas, lamentou que a notificación chegase con menos de 48 horas de antelación, xa que coincide cun período extremadamente caloroso, o que provoca un aumento do consumo de auga.

Ante a falta de reserva nos depósitos, pode haber problemas nalgúns puntos nas zonas de Quintela, Río Frío, Santo Estevo de Negros e, segundo a evolución, en Cidadelle.

A presa de Eiras abastece a unhas 400.000 persoas entre os municipios de Vigo, Cangas, Moaña, Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Vilaboa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade