Publicador de contidos

Publicador de contidos

Peinado cita dous cargos de Moncloa e convoca un acareo coa asesora de Begoña Gómez

Peinado cita dous cargos de Moncloa e convoca un acareo coa asesora de Begoña Gómez

O xuíz cita a declarar como testemuña a Raul Díaz Silva, coordinador de persoal de Moncloa cando se nomeou a Cristina Álvarez como asesora de Begoña Gómez

Ordena tamén un acareo entre Álvarez e a persoa que propuxo o seu nomeamento: o exvicesecretario de Presidencia, Alfredo González

Tanto a declaración como o acareo están fixados para o día 14 de maio

A asesora de Begoña Gómez en Moncloa, Cristina Álvarez, o 26 de febreiro de 2025 á saída do xulgado. Alejandro Martínez Vélez / Europa Press A asesora de Begoña Gómez en Moncloa, Cristina Álvarez, o 26 de febreiro de 2025 á saída do xulgado. Alejandro Martínez Vélez / Europa Press
G24.gal 21/04/2025 11:31

O xuíz Juan Carlos Peinado citou a declarar como testemuña ao que era coordinador de persoal de Moncloa cando se nomeou a Cristina Álvarez como asesora para Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno, e tamén convocou un acareo entre Álvarez e a persoa que propuxo o seu nomeamento.

O maxistrado ordena estas dilixencias nunha providencia que está datada o pasado mércores, o mesmo día que tomou declaración como testemuña ao ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, co fin de indagar nun presunto delito de malversación o nomeamento de Cristina Álvarez como asesora de Begoña Gómez en 2018, cando Bolaños era secretario xeral da Presidencia do Goberno.

Nun momento desa declaración o xuíz Peinado esixiu a Bolaños que lle dixese quen foi o responsable do persoal en Moncloa cando se nomeou como asesora a Cristina Álvarez, investigada na causa, e acabouse comprobando que este dato xa figuraba na información que Moncloa remitira ao xulgado, segundo informaron fontes xurídicas.

Trátase de Raúl Díaz Silva, que agora é citado polo xuíz como testemuña para o 14 de maio ás 12:30 horas.

Na súa providencia o maxistrado tamén ordena para ese mesmo día a práctica dun acareo entre Cristina Álvarez e a persoa que propuxo o seu nomeamento: o exvicesecretario de Presidencia, Alfredo González.

Precisamente a declaración destas dúas persoas deu pé a que o titular do Xulgado de Instrución número 41 de Madrid, que investiga desde hai un ano a Begoña Gómez por catro presuntos delitos, abrise o pasado mes de marzo unha peza separada para determinar se da contratación de Cristina Álvarez "se puidese desprenderse a comisión dun delito de malversación" de fondos públicos.

Ambos nomearon nas súas comparecencias a Bolaños. No caso de González fíxoo ao ser preguntado, en calidade de testemuña, por quen era o seu superior entón.

Na súa declaración ante o xuíz, Bolaños defendeu que o nomeamento de Cristina Álvarez como cargo eventual se axustou á normativa, aínda que explicou que el non participou no mesmo porque as competencias para tramitar eses contratos tíñaas o vicesecretario xeral de Presidencia, Alfredo González.

Pola súa banda Cristina Álvarez negou ante o maxistrado servirse dese cargo, que desempeña desde xullo de 2018, no seu beneficio ou de terceiros. Tamén rexeitou intervir en xestións relacionadas coa cátedra da Universidade Complutense de Madrid que codirixiu a muller do presidente do Goberno antes da súa creación.

O exvicesecretario xeral da Presidencia do Goberno, Alfredo González indicou que non coñecía a Cristina Álvarez e que non pode lembrar quen lle deu os seus datos, xa que nesa época, cando o primeiro Goberno de Pedro Sánchez botaba a andar, tramitou preto dun centenar de nomeamentos.

Juan Carlos Peinado investiga a Begoña Gómez por catro presuntos delitos: tráfico de influencias, corrupción nos negocios, apropiación indebida e intrusismo profesional. Nesta causa tamén están imputados o empresario Juan Carlos Barrabés, o reitor da Universidade Complutense, Joaquín Goyache, o exconselleiro madrileño e actual directivo do Instituto Empresa Juan José Güemes, e Cristina Álvarez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade