Sánchez presentará no Congreso medidas contundentes contra a corrupción ante a presión dos socios
O presidente do Goberno incluíu propostas dos socios de goberno e de investidura
Yolanda Díaz daralle a réplica a Pedro Sánchez en nome de Sumar
Feijóo formulará 50 preguntas a Sánchez no Congreso polo caso Koldo e outras tramas
Rufián (ERC): "Cuestión de confianza, para que? Se isto escala, a xente ten que decidir"
Pedro Sánchez ultima a súa comparecencia deste mércores no Congreso, en que presentará un paquete "importante" de "medidas contundentes" contra a corrupción, segundo explicou a voceira do Goberno en conferencia de prensa.
Agárdase que o presidente inclúa nese paquete propostas dos seus socios. A voceira de Sumar, Verónica Barbero, insistía esta mañá en que se trata de "esixencias, que non expectativas". Será Yolanda Díaz a que lle dea a réplica a Pedro Sánchez na quenda de Sumar.
Tamén meten presión outros aliados, como Coalición Canaria. Segundo a súa deputada no Congreso, Cristina Valido, "se o presidente non propón a cuestión de confianza, (...) a organización tomará unha decisión definitiva".
A deputada de Compromís, Águeda Micó, xa incorporada no Grupo Mixto, tamén é favorable a que o presidente propoña unha cuestión de confianza.
Outros socios, como Podemos, amósanse escépticos na véspera da comparecencia. Ione Belarra cre que o presidente vai levar "as típicas medidas cosméticas do PSOE".
Pepa Millán, voceira de Vox, só agarda "mentiras e propaganda" de Pedro Sánchez.
O PP tampouco agarda nada de Pedro Sánchez. Segundo a súa nova voceira no Congreso, Ester Muñoz, "el meteu a corrupción no Goberno de España, non hai nada que poida traer que non sexa convocar eleccións".
Os populares xa traballan nese escenario. De gañar as eleccións, prefiren gobernar en solitario, mesmo en minoría.
Pola súa parte, Vox considera que o PP ten que "centrarse un pouco e non adiantar acontecementos", mentres o PSOE ironiza co asunto: "estamos no San Fermín, non nos Santos Inocentes", apuntou Pilar Alegría.
Pedro Sánchez tenta capear o temporal. O sábado conseguiu o apoio do maioría dos seus compañeiros de partido nun Comité Federal que, segundo recoñeceu o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, "non foi sinxelo" .
Á imputación dos dous últimos secretarios de Organización do PSOE, sumóuselle unha polémica máis a última hora: as denuncias de abusos a Francisco Salazar, cargo de confianza no partido e tamén na Moncloa.
Este martes, o Consello de Ministros asinou o seu cesamento. A voceira do Goberno defende que actuaron "con celeridade", a pesar de que non había denuncias. "Non podemos darnos conta das cousas que non coñecemos", dixo Pilar Alegría na conferencia de prensa posterior.