Sánchez garante goberno e acusa a Feijóo de promover "a peor das corrupcións"
Sánchez garante goberno e acusa a Feijóo de promover "a peor das corrupcións"
En Cataluña os socialistas arroupan a Pedro Sánchez e mostran confianza no seu liderado e na súa orientación política
O PSOE acusa o PP de convocar manifestacións cando, din, deberan tentar convencer con argumentos e buscar apoios
Os socialistas cataláns reciben con berros de "Pedro presidente" o seu secretario xeral na tradicional Festa da Rosa. A dous días do inicio do pleno de investidura de Alberto Núñez Feijóo, o presidente do Goberno en funcións di que o PP perdeu o sentido da realidade.
"Agora vemos a Núñez Feijóo apelar ao transfuguismo, que é a peor das corrupcións. Van de mal en peor. A catro días da investidura de Núñez Feijoo agora maniféstanse en contra do Goberno socialista, se é que no PP boicotéanse a si mesmos", afirma.
Sánchez repetiu que o seu será un goberno co partido de Yolanda Díaz e que a súa é unha aposta pola convivencia, a concordia e o reencontro no marco da Constitución. Asegura que a única igualdade que hai en risco en España é a que ocasionan os pactos entre PP e Vox.
"Cal é o noso obxectivo? O noso obxectivo é seguir avanzando en dereitos e en convivencia, cal vai ser o método? O diálogo cos sindicatos, coa patronal, cos territorios e coas forzas políticas para facelo posible. Cal vai ser o marco? A Constitución española. E se hai unha igualdade que se quebra, e que está posta en risco é a igualdade entre homes e mulleres polos pactos de Feijóo e Abascal, do PP con Vox, esa é a igualdade que está en risco", conclúe.