Pedro Sánchez di que "non se trafica nin se banaliza" con dereitos como a igualdade
O líder do PSOE critica a posición da dereita e da ultradereita con respecto ao feminismo e a igualdade
Sánchez sostén que o actual Goberno é "máis exemplar e social" ca o de hai catro anos
Acto do PSOE en Granada en apoio ao candidato á Xunta andaluza, Juan Espadas. Pedro Sánchez incidiu especialmente no tema do feminismo e da igualdade, todo un cabalo de batalla para Vox nesta precampaña, particularmente no referido ás políticas igualitarias do Goberno. O líder socialista dixo literalmente que tanto a ultradereita como a dereita "sorrín dicindo que son antifeministas, cando o feminismo é unha causa de dereitos humanos".
"Xa lle dicimos á dereita, dicímosllo ademais de maneira pausada, tranquila, coa convicción que nos dá ter as raíces que ten unha organización con máis de cento corenta anos de historia: a igualdade é un dereito e os dereitos deféndense, non se trafica con eles e moito menos se banalizan", sinalou o secretario xeral do PSOE.
Outro dos referentes para Sánchez foi a axenda social e falou de logros como o aumento do salario mínimo, a reforma laboral, o pacto de Estado contra a violencia de xénero ou a ampliación da lei de aborto. Dixo que aí radican as diferenzas con respecto a hai catro anos:
"Hoxe temos un Goberno exemplar e un Goberno máis social, moito máis social có que había antes. Que llo pregunten aos traballadores e traballadoras que hoxe cobran 265 euros máis ao mes percibindo o salario mínimo interprofesional".
Para Pedro Sánchez "España sae adiante" malia a pandemia, a guerra e a oposición. Ademais, situou o socialismo como o referente da transformación e o progreso en España e tamén durante os anos en que gobernou Andalucía.