As medidas do novo plan anticrise do Goberno estenderanse ata finais de ano
A medida adoptarase no consello extraordinario deste sábado
O PSOE e Unidas Podemos negocian in extremis que axudas se incluirán e a quen irán dirixidas
Pedro Sánchez compareceu este venres en Bruxelas tras o Consello Europeo e anunciou que as medidas anticrise prorrogaranse ata o 31 de decembro.
"O que lles podo adiantar é que esas medidas non terán unha duración de tres meses, senón que se estenderán ata o 31 de decembro. Mañá comparecerei para dar conta das medidas", dixo Sánchez.
O presidente do Goberno insistiu en que sabe moi ben para quen goberna e citou as decisións adoptadas para "protexer as familias" como a baixada do IVE da electricidade ao 5 % que acordará este sábado o gabinete.
No seu discurso expresou tamén o seu rexeitamento dos saltos violentos ao valado de Melilla e fixo fincapé no compromiso da UE coa adhesión de Ucraína, Moldova e Xeorxia.
Os socios de Goberno negocian in extremis as medidas a incluír para paliar a suba dos prezos e aliviar as economías familiares. A principal diferenza está na aplicación dun imposto ás enerxéticas.
Así o recoñece Pablo Fernández, da formación morada: "Esa medida que nós cremos que é a fundamental está custando conseguila. Gobernar é elixir, e o Goberno ten que elixir se está do lado das enerxéticas ou das familias. E desde Podemos témolo moi claro"
Sánchez non confirmou se se incluirá o imposto ás enerxéticas ou eses cheques de 300 euros. Pero asegurou que o Goberno amparará os máis vulnerables ante a crise.
"Sabemos ben que hai outros sectores que queren manter o status quo, pero non o imos facer, sabemos para quen gobernamos. Por iso presentamos rebaixas fiscais selectivas e axudas específicas para os sectores máis prexudicados", asegurou o presidente do Goberno.