Paula Prado substituirá a Tellado na secretaría xeral do PPdeG
A parlamentaria compostelá será a primeira muller en ocupar este cargo no PP de Galicia
A deputada compostelá Paula Prado, unha das viceportavoces do Grupo Parlamentario, é a elixida polo presidente da Xunta Alfonso Rueda, quen será ratificado líder do PP galego no 18.º Congreso que o partido celebrará en Pontevedra a próxima fin de semana, para ocupar a Secretaría Xeral do partido.
A relevancia da Secretaría Xeral no PPdeG fai que este cargo, con independencia de que poidan habilitarse vicepresidencias, se considere de facto a quen o ocupa como o número 2 do partido, e é quen asume o peso da fontanaría interna.
A parlamentaria compostelá será a primeira muller en ocupar este cargo no PP de Galicia. O seu antecesor Miguel Tellado afirmara que lle gustaría que unha muller se puxese á fronte da Secretaría Xeral, e o sucesor de Alberto Núñez Feijóo na Xunta e no PP galego compartiu esta opinión.
Aínda que procede do PP da Coruña, a deputada ten toda a confianza de Rueda, cuxas áreas defendeu, ademais, como portavoz na Cámara autonómica. Prado tamén tiña a confianza de Feijóo, quen a situou no seu día como portavoz do partido. Pero deu un paso atrás despois de ser investigada pola xuíza Pilar de Lara no marco da Operación Pokémon. Finalmente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia arquivou o caso.
Licenciada e doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, ten un máster en Igualdade de Oportunidades, Xénero e Educación Social tamén pola mesma universidade compostelá. É avogada especialista en Dereito Civil e de Familia.
Alfonso Rueda, na conferencia de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta, manifestou que había moitas persoas, pero que ela reúne todas as condicións para ser a nova Secretaria Xeral do partido porque ten experiencia e coñece o funcionamento do partido por dentro e por fóra.