Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta inxectará 7 millóns aos concellos para que constrúan vivenda pública

A Xunta inxectará 7 millóns aos concellos para que constrúan vivenda pública

Rueda explica que as axudas serán de ata 80.000 euros por vivenda

A oposición acusa a Xunta de levar 17 anos gobernando para a especulación e de incumprir as súas promesas en materia de vivenda 

EFE/Xoán Rey
G24.gal 07/10/2026 07:28 Última actualización 07/10/2026 14:40

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou axudas por sete millóns de euros para os concellos que queiran facer vivenda pública de titularidade municipal.

Nunha sesión de control marcada pola actual crise de vivenda e a convocatoria do adianto electoral, BNG e PSdeG acusaron o PP de non facer nada en 17 anos e de ser "responsable" do problema da falta de vivenda en Galicia.

"Vostedes son o PP do non á vivenda", dixo Pontón

"Vostedes son o PP do non á vivenda, o non á declaración de zonas tensionadas, o non a topar vivendas de uso turístico, o non a mobilizar vivendas baleiras e agora son o non aos decretos de vivenda", espetoulle a líder do BNG, Ana Pontón.

Pontón e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixeron soar senllos chaveiros, igual que o fan os centos de persoas que permanecen acampadas en toda España.

"Non é o que non fixeron, senón o que impediron facer", asegura Besteiro

A oposición criticou a Rueda por levar "17 anos gobernando para a especulación, para que se faga negocio co dereito á vivenda".

"Non é o que non fixeron, senón tamén o que impediron que se fixese, por terra, mar e aire para non aplicar a lei de vivenda, con todos os orzamentos, con toda a capacidade", indicou Besteiro.

Rueda anuncia axudas para promover vivenda pública nos concellos

Na sesión, Rueda acúsaos de ser "uns descarados" no tema da vivenda porque, segundo asegurou, o Goberno central non fixo nada para solucionar este problema, mentres que a Xunta entregou e seguirá entregando "esas chaves que soan de verdade", as dos pisos públicos.

O presidente lembrou que a Xunta ten "en marcha 4.670 vivendas públicas" e avanzou axudas de ata 80.000 euros por vivenda para os concellos que coloquen no mercado pisos públicos de titularidade municipal.

En total, o Goberno galego distribuirá 7 millóns de euros aos entes locais para que constrúan unhas 87 vivendas que serán adxudicadas entre os solicitantes do rexistro de demandantes.

Segundo especificou a Xunta, as axudas son para vivendas de nova construción destinadas ao alugueiro, e a convocatoria abrirase antes de que finalice este ano, aínda que a partida se incluirá nos orzamentos para 2027 cuxo proxecto está a preparar o Goberno galego.

Estes pisos, que poderán construírse aproveitando edificios inacabados, pasarán a integrar o parque de vivenda pública de Galicia, xa que serán repartidos ás persoas rexistradas no Rexistro de demandantes de vivenda protexida, xestionado polo Instituto Galego de Vivenda e Só (IGVS) dependente da Consellería de Vivenda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos