Paula Prado será a nova secretaria xeral do Partido Popular de Galicia
Substituirá no cargo a Miguel Tellado
Será elixida no Congreso que o PP celebrará na fin de semana
A deputada Paula Prado, unha das viceportavoces do Grupo Parlamentario, é a elixida polo presidente da Xunta Alfonso Rueda, quen será ratificado líder do PP galego no 18.º Congreso que o partido celebrará en Pontevedra a próxima fin de semana, para ocupar a Secretaría Xeral do partido.
A relevancia da Secretaría Xeral no PPdeG fai que este cargo, con independencia de que poidan habilitarse vicepresidencias, se considere de facto a quen o ocupa como o número 2 do partido, e é quen asume o peso da fontanaría interna.
A parlamentaria compostelá será a primeira muller en ocupar este cargo no PP de Galicia. O seu antecesor Miguel Tellado afirmara que lle gustaría que unha muller se puxese á fronte da Secretaría Xeral, e o sucesor de Alberto Núñez Feijóo na Xunta e no PP galego compartiu esta opinión.
Aínda que procede do PP da Coruña, a deputada ten toda a confianza de Rueda, cuxas áreas defendeu, ademais, como portavoz na Cámara autonómica. Prado tamén tiña a confianza de Feijóo, quen a situou no seu día como portavoz do partido. Pero deu un paso atrás despois de ser investigada pola xuíza Pilar de Lara no marco da Operación Pokémon. Finalmente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia arquivou o caso.
Licenciada e doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, ten un máster en Igualdade de Oportunidades, Xénero e Educación Social tamén pola mesma universidade compostelá. É avogada especialista en Dereito Civil e de Familia.
Alfonso Rueda, na conferencia de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta, manifestou que había moitas persoas, pero que ela reúne todas as condicións para ser a nova Secretaria Xeral do partido porque ten experiencia e coñece o funcionamento do partido por dentro e por fóra.
"Paula Prado reúne todas as condicións: ten experiencia, coñece perfectamente o funcionamento do partido por dentro e por fóra e ten moitos anos de parlamentaria. Deséxolle toda a sorte do mundo porque durante dez anos exercín esa responsabilidade e non é sinxela. Estou seguro de que o vai facer ben", dixo Alfonso Rueda.
Prado agradece a Rueda a súa confianza
A viceportavoz segunda do PP no Parlamento galego, Paula Prado, agradeceu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que a elixira para ocupar a Secretaría Xeral do PP galego tras o congreso do partido que se celebra esta fin de semana. Prado utilizou a rede social Twitter para agradecer a Alfonso Rueda a confianza que deposita nela para situala como número dous do PPdeG. "Grazas ao presidente, Alfonso Rueda, por contar comigo para a secretaría xeral do PPdeG", escribiu na súa conta persoal. Na mesma mensaxe, a deputada admite que este encargo é unha "gran responsabilidade" que asume con "moita ilusión". Ademais, remarca que "este camiño" non o percorrerá soa xa que conta "con toda a militancia" da formación para "afrontar os retos que temos por diante".
Grazas ao presidente @AlfonsoRuedaGal por contar comigo para a Secretaria Xeral do @ppdegalicia
— 🍒 Paula Prado (@paulapra2) May 19, 2022
É unha enorme responsabilidade que asumo con moita ilusión e consciente de que non farei este camiño soa, conto con toda a militancia para afrontar os retos que temos por diante. https://t.co/M1cAzBL6SW