Publicador de contidos

Publicador de contidos

Patricia Moreira, CEAGA : "Galicia será con SAIC un referente da mobilidade eléctrica"

Patricia Moreira, CEAGA : "Galicia será con SAIC un referente da mobilidade eléctrica"

O Cluster da Automoción e da Mobilidade de Galicia atribúe a implantación da factoría chinesa ás fortalezas empresariais e xeográficas e á implicación da Xunta

CEAGA  aposta por implementar incentivos para que todo o proceso de produción se realice en Galicia 
 

Patricia Moreira, presidenta do Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia
G24.gal 07/06/2026 09:25

A presidenta do Cluster da Automoción e da Mobilidade de Galicia, CEAGA, afirma que a instalación do fabricante de vehículos eléctricos SAIC (Shangai Automotivo Industry Corporation) é “unha decisión de relevancia estratéxica” para Galicia.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Patricia Moreira asegurou que o desembarco do maior grupo automotriz de China, fabricante dos vehículos MG, supón unha oportunidade para consolidar á nosa comunidade como “un dos principais polos de automoción e de mobilidade”. Unha noticia moi positiva, engadiu, sempre que xere emprego de calidade.

“A chegada dun fabricante coma este vai xerar máis actividade económica, emprego cualificado e novas oportunidades de negocio para toda a cadea de valor da automoción”.

A responsable de CEAGA atribuiu a decisión do grupo chinés ás “fortalezas” que, ao seu xuízo, ofrece Galicia para este tipo de proxectos, ás xestións de “alto nivel” da Xunta e á colaboración co sector privado.

“Dende o punto de vista empresarial e económico estamos moi ben posicionados. Ter portos e estar abertos ao mar creo que foi un dos puntos decisivos. Como terceiro piar, e non menos importante, penso que houbo unha aposta firme da Xunta para que este proxecto viñera a Galicia porque dende o primeiro momento se xestionou a moi alto nivel”.

Patricia Moreira considera que o desembarco de SAIC en Galicia vai ter unha repercusión económica importante na comarca de Ferrol, onde prevé investir 200 millóns de euros.

“A priori non é unha cifra moi elevada para unha planta de automoción pero xa só a nivel local vai ter un efecto tractor importante na comarca”.

Con todo, a presidenta do Cluster da Automoción advertiu que agora toca traballar para que a fábrica integre “o 100% da cadea de valor que xa temos”.

“Estamos falando de empresas de compoñentes, de enxeñerías, de loxística, de todo o ecosistema da automoción e aí é onde temos que traballar. Neste momento temos gañada a baza da implantación e agora temos que gañar a baza de implementarnos cos nosos procesos e co noso saber facer nun fabricante tan grande como SAIC”.

Nese senso, Patricia Moreira apelou, na Radio Galega, a establecer mecanismos que incentiven a SAIC a realizar integramente o proceso de produción dos seus vehículos eléctricos en Galicia e con provedores locais.

“Tempos que poñer algún mecanismo que obrigue ou que anime a este construtor a non traer os compoñentes en kits e a ensamblalos aquí. Temos que buscar a maneira. Loxicamente será con incentivos á compra local ou con acordos de contido local. Isto ten que estar vencellado ás axudas e a todas as vantaxes que poida ter por implantarse na nosa comunidade”.

A presidenta de CEAGA asegurou que a industria galega está preparada para asumir un posible incremento do volume de fabricación de vehículos que poida implicar o asentamento de SAIC en Galicia e que conta con persoal cualificado, formado nas escolas de enxeñeiría galegas que “son das mellores de España".

“Non debemos esquecer que unha das nosas mellores bazas son as universidades que temos en Galicia. As escolas de enxeñeiros de Galicia son das mellores de España. Desgraciadamente exportamos unha morea de enxeñeiros a Europa. A ver se con esto conseguimos que queden aquí… Dende CEAGA implusamos plans de formación dende hai anos para preparármonos para esta industria".

Patricia Moreira lembrou que da fábrica de Stellantis en Vigo saen un de cada catro vehículos que se fabrican en todo o país pero marcou distancias entre a factoría de Balaídos e a que SAIC proxecta en Ferrol e nas Pontes.

“Eu pediría un pouco de precaución. O proxecto que se vai implementar para Galicia é bo pero non estamos a falar das mesmas dimensións que Stellantis”.

Con todo, afirmou que o asentamento da firma que máis coches eléctricos vende en Europa converterá a Galicia nun dos referentes neste tipo de mobilidade.

“Se xuntamos a capacidade produtiva de Stellantis Vigo, que fabrica un de cada catro coches que se producen en España, e sumamos o anuncio de SAIC que di que vai fabricar coches 100% eléctricos, xa temos os dous tipos de tecnoloxía. Sen ningunha dúbida, imos ser un referente en Europa”.

Patricia Moreira indicou que están a disposición de SAIC para facilitar contactos con provedores galegos e tamén doutras firmas interesadas en asentarse en Galicia. 

“Din que cando vén un construtor externo, como este asiático, trae outras empresas asociadas que son os seus partners neste tipo de negocios. É certo que recibimos no Cluster outras visitas. Esta é a primeira boa noticia que temos en Galicia pero penso que haberá máis”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade