Folga no sector ferroviario este martes para reclamar melloras na seguridade
A loita por melloras na seguridade e nas condicións laborais dos traballadores do Adif e Renfe impulsan o paro solidario
Estableceranse uns servizos mínimos que oscilarán entre o 50 % e o 75 %
Tren de Renfe (Foto de Arquivo, Europa Press).
O sector ferroviario convoca unha folga este martes co obxectivo de acadar melloras na seguridade no sistema español e nas condicións laborais dos traballadores do Adif e Renfe.
A folga está convocada polo Comité Xeral do Grupo Renfe (CGGR), o Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios (Semaf), Comisións Obreiras (CCOO), Unión Xeral dos Traballadores (UGT), Sector Federal Frroviario da Confederación Xeral de Traballo (SFF-CGT), o Sindicato Ferroviario Intersindical (SF-I) e Alternativa Ferroviaria (Alferro). O paro está proposto para todo o territorio español durante as 24 horas do día 17 de novembro.
Hai unha semana tamén convocaron unha folga pola "situación de seguridade ferroviaria" e o "incumprimento" de compromisos previos por parte de Semaf. Os maquinistas anunciaron que chamaban de novo unha folga propia para o martes 17 e o luns 23, chamando ao paro solidario maquinistas de Renfe, Iryo, Ouigo, Transfesa, Continntal Rail, Tracción Rail, Captrain e Medway.
O Sindicato Español de Maquinista e Axudantes Ferroviarios reuniuse co Ministerio de Transportes, Adif, Renfe e a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF), mais polo momento non se acadou acordo e a folga mantense. O Goberno aprobou diferentes medidas, pero non foron suficientes para a desconvocatoria; estas son: un decreto que faculta maquinistas a parar ou non reiniciar o tren ante "risco grave", un plan para mellorar a seguridade da alta velocidade, a creación do Defensor das Vítimas de Accidentes de Transporte Colectivo e as axudas aos afectados polo accidente ferroviario de Urda. Os maquinistas consideran que aínda que hai "avances técnicos", faltan por aprobar "cuestións esenciais".
Servizos mínimos para o paro
Na folga do martes 17 de novembro estableceranse uns servizos mínimos que oscilarán entre o 50 % e o 75 %. Os servizos mínimos de proximidades estableceranse nun 75% nas horas puntas ( entre as 06.00 e as 09.00, as 13.30 e as 15.30 e as 18.30 e as 20.30), mais no resto da xornada soamente circularán o 50 % dos trens habituais.
Os servizos de media distancia garanten un 65 % de actividade, mentres que a porcentaxe na alta velocidade e longa distancia será dun 72 %. O transporte de mercancías establece os seus servizos mínimos nun 26 %.
Renovación dos altos cargos en Adif, Renfe e o Ministerio de Transportes
Tras o sinistro de Urda, o agora exministro de Transportes Óscar Puente dimitiu e o vicepresidente primeiro e ministro de Economía, Carlos Cuerpo, asumiu o posto.
O presidente do Adif, Luis Pedro Marco de la Peña, tamén renunciou ao posto e adoptouno Joaquim Hortalà; e tras o cesamento do anterior presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, Inmaculada Gutiérrez Carrizo converteuse na responsable do cargo.