Adeus aos Alvia e aos Media Distancia: Renfe simplifica os nomes dos trens
Todos os servizos de ámbito autonómico pasan a chamarse Rexionais, teñan máis ou menos paradas
O nome comercial Alvia tamén desaparece e estes convois quedan agrupados na categoría de Intercity
Un pequeno tren de cambios chega aos servizos de Renfe. Entran en vigor as primeiras novidades anunciadas pola compañía para reorganizar, simplificar e facilitar a xestión das viaxes. A partir de agora conceptos tan arraigados como Alvia ou Media Distancia desaparecen porque Renfe muda a clasificación dos trens. Son cambios de nomes, ollo, non de servizos.
Os trens quedan agrupados en só tres categorías e seis nomes: AVE, Avlo e Avant para a alta velocidade; Intercity e Rexionais para as liñas de velocidade convencional; e Mobilidade Metropolitana como novo termo para o que antes se coñecía como Cercanías.
No caso de Galicia os cambios terán efecto, sobre todo, en dous servizos moi populares. A noción de Media Distancia, compañeira de viaxes de milleiros de persoas durante décadas, deixa de existir de xeito oficial. Todos os trens de ámbito autonómico pasan a chamarse Rexionais. Pero hai que ter en conta que se clasifican así tanto os servizos máis directos como os que fan máis paradas. Cómpre fixarse á hora de mercar os billetes.
Avisos dos trens coa nova denominación xenérica de Rexional na pantalla da estación de Vigo-Urzáiz.
De Alvia a Intercity
A reorganización tamén supón que desaparece o nome comercial de Alvia. Eses trens seguirán circulando como ata agora pero quedan agrupados na categoría de Intercity, a noción para agrupar os trens que conectan unicamente cidades importantes con poucas paradas intermedias. Renfe di que busca "máis claridade desde o primeiro momento". Segundo a compañía será máis sinxelo identificar que tipo de servizo necesita cada usuario. "Menos denominacións fan que a oferta sexa máis doada de recoñecer e entender", asegura a compañía.
Novas cores
E con esa mesma idea, Renfe vai mudar a imaxe externa dos trens. É un cambio que aínda non está aplicado pero que veremos nas cores. Así, todos os convois de alta velocidade, teñan máis ou menos comodidades, estarán pintados de azul escura; os de velocidade convencional (Rexionais e Intercity), serán morados; e os de Mobilidade Metropolitana; lucirán de vermello e branco. Estes cambios serán progresivos, tamén a posta en marcha da nova web e da nova aplicación móbil da compañía.