Ourense é a provincia que comeza a primavera coa menor reserva de auga
Este ano hidrolóxico que comezou en outubro choveu menos da metade dun ano normal
Os encoros ourensáns están ao 48 % da súa capacidade total e nun 54 % na demarcación da conca do Miño-Sil
Ourense é, despois de Zamora, a provincia do norte peninsular con menos auga encorada
Os encoros da conca de Galicia Costa están nun 68 % da súa capacidade, nove puntos menos que o ano pasado
No que vai de ano choveu en Galicia menos da metade dun ano normal, e isto estase a notar no nivel de auga dos encoros. A peor situación téñena na conca do Miño-Sil, sobre todo, na provincia de Ourense, onde o nivel dos encoros está nun 48 % da súa capacidade, a máis baixa desde hai 10 anos.
Desde o ano 2012 non houbera un inverno tan pouco chuvioso e seco como este na provincia de Ourense. É, despois de Zamora, a segunda provincia do norte peninsular que comeza esta primavera coa menor reserva de auga.
O nivel dos encoros na conca do Miño-Sil está nun 54 %, pero nos da provincia de Ourense a auga encorada baixa ata o 48 %, un 30 % menos que o ano pasado cando estaba ao 74 % da capacidade total, e un 25 % menos que a media histórica rexistrada nestas datas.
Neste ano hidrolóxico que comezou en outubro choveu menos da metade dun ano normal. E a chuvia que leva caído neste mes de marzo aínda non é abondo despois da escaseza destes últimos meses. Preocupa tamén como pode afectar nos cultivos.
A conca Galicia costa ten un 68 % de auga encorada
A situación é mellor na conca de Galicia Costa, polo oeste choveu un pouco máis que no interior e os encoros están aos 68% da súa capacidade, con todo, son 9 puntos menos que o ano pasado.
A situación é preocupante, pero din as hidrográficas que non é alarmante, sobre todo, en canto a auga destinada ao abastecemento humano, que está garantida. Pero recomendan facer un uso responsable da auga, un recurso natural que non é infinito.
O caudal do río Limia está en alerta
En canto aos caudais circulantes dos ríos, a Confedreción Hidrográfica do Miño-sil di que están nun 66,5 % por debaixo do promedio histórico. Os niveis máis baixos están no río Limia, que está en situación de alerta, especialmente baixo ao seu paso por Xinzo de Limia e Ponte Liñares.
As confederacións hidrográficas, seguindo os protocolos no Plan da Seca, están a facer un seguimento diario da evolución da situación.