Publicador de contidos

Os traballadores de Vestas recrúan as protestas na recta final da negociación do ERE

Os traballadores de Vestas recrúan as protestas na recta final da negociación do ERE

O comité confía en que grazas á mediación das administracións a empresa mude de decisión

G24.gal 02/11/2021 09:23

Os traballadores de Vestas retomaron hoxe as mobilizacións aos pés da planta de Viveiro. Endurecen as súas protestas na recta final das consultas. A negociación sobre o ERE remata este venres. A compañía danesa quere pechar a planta de Viveiro, aberta hai 20 anos e con 115 traballadores.

"Temos dous días de protestas diante da fábrica onde hai un cambio de actitude na xerencia. Están sendo moi agresivos cos traballadores, entendemos que é unha estratexia da empresa para dinamitar a negociación", sinala o presidente do comité de empresa David Mariño.

Medra a tensión entre os empregados, e máis logo de se veren obrigados a solicitar horas de folga para poder levar a cabo as súas protestas ao negarlles a multinacional concentrarse diante da planta durante a hora de descanso.

"Nós cremos que hai unha solución política. Teñen que involucrarse dun xeito definitivo, temos apoio institucional pero falta un golpe na mesa con algunha medida", sinala o presidente do comité de empresa David Mariño.

O comité confía en que grazas á mediación das administracións a empresa mude de decisión e permita a venda que garanta a continuidade da planta e dos empregos.

Cando rematen os prazos de negociación, os traballadores terán que decidir en asemblea se aceptan as indemnizacións e as recolocacións presentadas pola empresa ou reclaman a anulación do ERE por vía xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade