Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os traballadores de Ence cortan a autovía de Marín para pedir garantías de mantemento do emprego

Os traballadores de Ence cortan a autovía de Marín para pedir garantías de mantemento do emprego

Tamén pecharon ao tráfico a PO-546 

G24.gal 30/11/2021 12:17

Os traballadores da planta de Ence en Lourizán cortaron o tráfico na autovía de Marín nunha nova mobilización convocada polo comité de empresa da fábrica para reclamar á compañía e ás administracións "garantías" na conservación dos postos de traballos tras as sentenzas que ameazan a continuidade da pasteira na ría de Pontevedra.

Primeiro concentráronse ás portas da fábrica e pasadas as 10:30 horas os traballadores acudiron á autovía, onde prenderon lume a uns pneumáticos e concentráronse na calzada para interromper a circulación.

O lume xerou unha intensa fumareda e o corte provocou atascos de tráfico nos accesos á autovía. Ademais, había un gran despregue policial.

Os traballadores tamén cortaron a PO-546, a estrada vella entre Pontevedra e Marín, en sinal de protesta.

O secretario do Comité de Fábrica, Pablo Bacariza, pediu que todos os implicados traballen xuntos para evitar o peche. "Empresa, goberno e Xunta de Galicia son os que teñen que buscar unha solución para darlle continuidade aos nosos postos de traballo", afirmou. 

Os traballadores din que ENCE é unha factoría rendible e queren garantías de que non se vai destruír emprego. Aseguran que as mobilizacións seguirán mentres non lles dean solucións firmes.

As protestas volveron evidenciar a división entre os comités da empresa. Convocounas o da fábrica, sen participación do de oficinas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade