Os supermercados poden limitar por lei o número de produtos por consumidor
"A medida está moi acoutada, para que se faga con carácter excepcional e de forma xustificada", explicou a ministra de Industria, Consumo e Turismo

Os establecementos comerciais poderán limitar temporalmente o número de artigos que pode adquirir cada comprador, segundo o novo apartado incluído na Lei de Ordenación do Comercio Minorista, que se publicou este mércores no BOE.
O novo apartado introducido no texto legal sinala que a citada limitación do número de produtos:
Adoptarase "con carácter excepcional e cando concorran circunstancias extraordinarias ou de forza maior que o xustifiquen".
Estas medidas deben estar xustificadas e adoptaranse de forma proporcionada "cando sexa necesario para evitar escaseza e garantir o acceso dos consumidores en condicións equitativas".
Nos últimos meses escasearon puntualmente certos produtos en moitos establecementos, como os casos do papel hixiénico nos primeiros días da pandemia, o aceite de xirasol cando estalou a guerra en Ucraína ou o leite polo paro dos transportistas.
A ministra de Industria, Comercio e Turismo Reyes Maroto comentou que o novo texto introducido na lei se enmarca no plan de resposta elaborado polo Goberno e que a medida foi consensuada co sector.
A ministra de Industria, Comercio e Turismo dixo que o obxectivo é dotar de seguridade xurídica empresas e supermercados e que nestes "haxa un acceso equitativo a todos os consumidores".
"A medida está moi acoutada, para que se faga con carácter excepcional e de forma xustificada".
Raquel Sánchez pediu este mércores "responsabilidade de todos" nos corredores do Congreso sobre a norma. En relación aos consumidores engadiu que “ás veces hai certas alarmas e alertas que xeran determinados comportamentos guiados máis polo nerviosismo”, en relación á compra compulsiva de certos produtos de primeira necesidade nos supermercados.
Tamén pediu Reyes Maroto responsabilidade aos supermercados e dixo que "todos" deben ser "responsables", os supermercados en primeiro lugar.
Concluíu dicindo a ministra Reyes Maroto que esta medida "ten que ter un impacto real" cando se repitan estas compras masivas.