As persoas que están sen vacinar favorecen a circulación do coronavirus
A poboación sen vacinar é un reservorio para que xurdan novas variantes do virus
As persoas sen vacinar contra a covid están máis expostas a riscos graves. Teñen máis posibilidades de desenvolver pneumonía bilateral, de rematar na UCI e incluso de morrer, explica a xefa de Medicina Preventiva da área de Santiago, Cristina Fernández.
Pero non son só riscos para o individuo que non se vacina, senón que poden ser unha ameaza para o resto. "Neles o virus pode ter mutacións", afirma Fernández, e engade: "Iso si que é un risco que corremos todos".
Dende a Asociación Española de Vacinoloxía apuntan outro problema: os non vacinados poderían ser máis transmisores do virus. Segundo o seu presidente, Amós García Rojas, hai datos que demostran que os non vacinados "expanden virus durante un maior período de tempo, e con máis carga vírica".
Os dous expertos ven na vacinación a mellor ferramenta para frear o virus.