Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os produtos alimentarios deben indicar os seus ingredientes na lingua de onde se distribúen

Os produtos alimentarios deben indicar os seus ingredientes na lingua de onde se distribúen

A Garda civil incautou máis de 4.000 bebidas enerxéticas nun almacén de distribución de Sanxenxo 

Estaban etiquetadas só nunha lingua estranxeira, o que fai que se considere un produto inseguro para o consumidor 

A normativa sanitaria e de consumo esixe claridade na composición e as indicacións de uso 

 

G24.gal 21/01/2026 14:06

Calquera produto alimentario que se merca ten que especificar de maneira clara cales son os seus ingredientes. Pero isto non sempre é o caso, como comprobou estes días a Patrulla Fiscal de Fronteiras da Garda Civil nun almacén de distribución de Sanxenxo.

"Neste caso en concreto atopamos unhas bebidas enerxéticas de marca moi coñecida que a rotulación do envase non ven en castelán nin en galego", especifica un sarxento da Patrulla de Vilagarcía. 

Iso levou á intervención do lote das máis de 4.000 bebidas enerxéticas que incumprían a normativa de etiquetaxe en canto a ingredientes e indicacións de consumo. 

"O consumidor queda totalmente desamparado porque debido ao idioma que vén nos envases non sabe o que está consumindo, entón ese produto trátase como inseguro a efectos sanitarios e retirámolo do comercio. Estamos falando de bebidas enerxéticas que sempre veñen con azucres, taurina ou outros elementos que non a toda a poboación lle sentan ben".

Este tipo de infraccións adoitan producirse en épocas de alta demanda para este tipo de produtos, coma os períodos festivos de Nadal ou o verán. 

"A canle nacional da que se surten con envases coa rotulación como ten que ser non é suficiente e teñen que ir a unha segunda canle a outras distribuidoras que lle acheguen esas bebidas que precisan, pero sen cumprir eses requisitos que poden ser sanitarios ou de consumo, especifica o sarxento.

 

As bebidas enerxéticas teñen ingredientes con contraindicacións para algúns consumidores As bebidas enerxéticas teñen ingredientes con contraindicacións para algúns consumidores

A sanción por estes feitos pode chegar aos cinco mil euros, pero as autoridades recalcan que o máis importante aquí non é a actividade sancionadora, senón a seguridade do consumidor en si.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade