Notifican dous mortos nunha xornada cos positivos por covid–19 á alza
As infeccións activas por coronavirus superan as 15.000
Hai 282 enfermos por covid–19 nos hospitais, 12 máis que 24 horas antes, con dez ingresos en planta
Empeoran os datos sobre a incidencia da covid–19 en Galicia nas últimas 24 horas, e aínda sen o impacto definitivo da ponte da Constitución e de que a variante ómicron sexa a predominante na comunidade.
Os casos activos superan a barreira dos 15.000 nas últimas horas, son 15.348 persoas, máis de medio milleiro (+551) que 24 horas antes.
Os contaxios diarios seguen a bater marcas en Galicia nesta sexta vaga da pandemia e detectáronse 1.361 nas probas realizadas (+119), unha cifra que supera outra vez o cento de positivos nunha xornada, fronte ao aumento de dous do día previo.
E este domingo a situación reflíctese nos hospitais cun aumento da presión asistencial. Hai 282 persoas ingresadas, dez máis que 24 horas antes. Son 231 pacientes en planta (+10) e 51 nas UCI galegas, dous máis.
O Sergas notifica este domingo dous falecementos máis de persoas que foran diagnosticadas con covid–19. Un home de 78 anos que morría o venres no Hospital de Vigo e outro home de 77 que falecía o sábado no complexo hospitalario de Ourense. Con eles, a cifra total de decesos aumenta a 2.722 desde o comezo da pandemia en Galicia.
Situación por áreas sanitarias
Os casos activos da covid–19 aumentan en todas as áreas sanitarias nesta xornada, agás na de Ourense, que segue a amosar un certo freo na sexta vaga. Aquí baixan as infeccións e os contaxios diarios, aínda que soben as hospitalizacións en planta e mantéñense cinco enfermos nas UCI. Santiago é a única que ten un só paciente nas UCI.
Vigo é a que peor evolución presenta. Está ao bordo das 5.000 persoas contaxiadas co virus, 4.980, detectáronse case 500 positivos nas últimas 24 horas e superan o cento os hospitalizados, máis dunha vintena nas UCI. Pontevedra tamén presenta unha evolución negativa e supera as 2.300 infeccións, con máis de 200 contaxiados nunha xornada.
Os casos activos nas diferentes áreas son:
A Coruña : 2.329
Vigo: 4.980
Ourense: 2.648
Pontevedra: 2.361
Santiago: 1.477
Lugo: 993
Ferrol: 560