Os pasaxeiros do MV Hondius serán trasladados a terra en zodiacs, en grupos de cinco, e enviados directos ao aeroporto
Os pasaxeiros do MV Hondius serán trasladados a terra en zodiacs, en grupos de cinco, e enviados directos ao aeroporto
Un avión militar recollerá os 14 españois para levalos a Madrid, onde ingresarán no hospital Gómez Ulla
O dispositivo de evacuación implica 23 países e non ten precedentes en España
O Hospital Gómez Ulla de Madrid, preparado para recibir os 14 pasaxeiros españois
Cando o buque fondee no interior do porto de Granadilla, un equipo médico embarcará nel para facer unha inspección dos pasaxeiros. Son 147 e agora mesmo están todos asintomáticos.
Despois comezará o protocolo de evacuación. Sacaranos do barco en zodiacs, en grupos de cinco e agrupados por nacionalidades, e trasladaranos ao aeroporto en autobuses. Oito países xa confirmaron que enviarán avións para repatriar os seus.
Virginia Barcones, secretaria xeral de Protección Civil, explica que os pasaxeiros sairán do barco no momento en que desde o aeroporto avisen de que o seu avión está preparado, non antes.
O proceso farase no menor tempo posible e coas máximas garantías de seguridade.
"Todas as zonas polas que van transitar os pasaxeiros van estar illadas, non haberá ningún contacto co persoal civil", insiste Virgnia Barcones, secretaria xeral de Protección Civil.
Javier Padilla, secretario de Estado de Sanidade, apunta: "O proceso durará o que teña que durar, pero queremos axilizalo ao máximo".
Aos 14 españois que viaxan no barco vanos trasladar nun avión militar a Madrid para ingresar no hospital Gómez Ulla, onde terán que pasar unha corentena.
Javier Padilla, secretario de Estado de Sanidade afirma que ningún deles se opuxo a ese confinamento.
Estarán illados e faránselles controis diarios para ver a súa evolución. No hospital tamén hai preparado un protocolo estrito para evitar a propagación do hantavirus.
Mónica García, Grande-Marlaska e o director da OMS viaxan a Tenerife este sábado
A ministra de Sanidade, Mónica García, o titular de Interior, Fernando Grande-Marlaska, e o director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, desprázanse este sábado a Tenerife para coordinar o operativo despregado ante a chegada do cruceiro MV Hondius ao porto de Granadilla.
"A delegación partirá ás 18.00 horas e realizará un seguimento directo desde o posto de mando habilitado para garantir a coordinación entre administracións, o control sanitario e a aplicación dos protocolos de vixilancia e resposta previstos", informou Interior este venres.
A chegada do buque estaba prevista ao mediodía do domingo, pero todo apunta a que se vai adiantar e se sitúe fronte á costa de Tenerife de madrugada, entre as 3.00 e as 5.00 horas, e tan pronto como amaneza o domingo, fondeará no interior do porto de Granadilla.
A evacuación dos ocupantes do buque, de 23 nacionalidades, está organizada para o domingo a plena luz do día, aproveitando o bo estado do mar, antes de que empeore o luns.
Trátase dun complexo operativo para garantir que os 151 ocupantes, entre eles expertos da OMS, son repatriados sen que haxa risco para a poboación nin para os traballadores que participarán no protocolo.
O pasado 4 de maio, a OMS pediu a España que acollese en Canarias o cruceiro en "cumprimento do Dereito Internacional e o espírito humanitario".
Dous avións de rescate da UE súmanse á operativa
Case todos os países con pasaxeiros a bordo do cruceiro Hondius ratificaron o envío de avións para repatriar aos seus cidadáns, unha vez o buque arribe a Tenerife o vindeiro domingo, e dúas aeronaves de rescate da UE trasladarán a aqueles viaxantes sen voo asignado.
Con esta decisión despéxanse parte das dúbidas xurdidas ao redor da loxística da operación para repatriar a 110 pasaxeiros do cruceiro.