Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os partidos engraxan a maquinaria electoral de cara ao 23-X

Os partidos engraxan a maquinaria electoral de cara ao 23-X

O PSOE defende a xestión á fronte do Goberno, mentres que o PP di que non ten nada que ofrecer aos españois

G24.gal 02/06/2023 14:59

Xa hai data para a aprobación das listas coas que o Partido Socialista concorrerá ás próximas eleccións xerais. A reunión do comité federal do 10 de xuño servirá para poñer en marcha a maquinaria electoral. Coñeceranse os nomes dos candidatos ao Congreso e ao Senado e tamén o programa electoral que defenderá Pedro Sánchez.

A dirección de Ferraz e o núcleo duro do presidente do Goberno defenden a súa xestión. "O balance é extraordinario e confío en que os cidadáns van renovar a confianza do Partido Socialista", di Nadia Calviño, vicepresidenta primeira.

O PSOE está disposto a incorporar nestas listas líderes socialistas de concellos e comunidades que perderon gobernos nas eleccións de maio. Tamén se ofrecen a repetir deputadas, como é o caso de Carmen Calvo, que mantivo discrepancias co seu partido en iniciativas coma o caso da lei trans. "O presidente fixo un uso moi democrático e moi oportuno despois do resultado do 28M", cre Calvo.

O resultado do 28M comeza a abrir fendas noutros sectores do PSOE, que piden unha reflexión sobre a perda de apoios. "Non creo que haxa un virus polo que os alcaldes e presidentes socialistas en catro anos o fixeran tan mal. Houbo algunha causa exsóxena que provocou este castigo", dixo Juan Carlos Rodríguez Ibarra, expresidente estremeño.

Tamén o Partido Popular se prepara para a cita coas urnas. O seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, sitúa o seu equipo de confianza á fronte da campaña que estará coordinada por Elías Bendodo. Unha conta atrás di Bendodo para pasar pantalla e acabar cun mal presidente que só pensa en si mesmo: "A Sánchez quédanlle dúas cousas que ofrecer aos españois. Un CIS de Tezanos e un Goberno Frankenstein".

A campaña para as xerais estará marcada polos pactos para pechar gobernos municipais e autonómicos. O PNV e PSE xa acordaron deixar fora a Bildu. Os socialistas quedarán coa alcaldía de Vitoria e o PNV coa Deputación de Guipúscoa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade