Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump descarta o seu plan de retransmitir en directo o fusilamento dun exmilitar

REUTERS/Bell County Sheriff's Office REUTERS/Bell County Sheriff's Office
G24.gal 15/10/2026 18:13

 O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou este martes que descartou o seu plan inicial de retransmitir en directo a execución por fusilamento de Nidal Malik Hasan, un exmilitar estadounidense condenado a morte por asasinar trece persoas nun tiroteo perpetrado en 2009.

"Morrerá, segundo o previsto, por fusilamento, pero este acontecemento non será retransmitido. Dito isto, a execución poderá ser presenciada en persoa polos familiares directos das vítimas, se así o desexan", escribiu o mandatario na súa conta de Truth Social.

Aínda que Trump defendeu que retransmitir a execución "podería ter sido un forte elemento disuasorio para que o mundo presenciase como Estados Unidos trata os terroristas e a escoura como Hasan", recoñeceu que "moitas persoas boas e benintencionadas preferirían non velo morrer, nin por transmisión en directo nin por ningún outro medio visual".

A execución de Hasan, autorizada polo propio Trump, está prevista para o 3 de decembro na base militar de Fort Hood (Texas), onde será fusilado por un pelotón de soldados armados con fusís. Será a primeira execución dun militar estadounidense por fusilamento desde 1945.

A polémica sobre a retransmisión comezou cando o secretario de Defensa, Pete Hegseth, asegurou nunha entrevista o 7 de outubro que se aseguraría de que "a xente poida velo", porque o público "necesita entender que este tipo de cousas teñen graves consecuencias".

Posteriormente, Trump declarou que Hasan "merece" que o seu fusilamento se retransmita en público porque "matou moita xente".

Porén, o vicepresidente, JD Vance, desmarcouse do asunto e afirmou que non pretendía presenciar a execución.

A Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos sostivo que as "execucións públicas constitúen unha forma de trato ou pena cruel, inhumana ou degradante" e que a súa emisión en directo pode constituír unha forma de tortura.

Hasan, que tiña o rango de maior do Exército, foi condenado a morte en 2013 por perpetrar o 5 de novembro de 2009 un tiroteo en Fort Hood no que matou 13 persoas e feriu outras 32, o máis mortífero rexistrado nunha base militar estadounidense fóra de combate.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar