A ONU advirte aos EUA que a execución en vivo de Hasan é un acto de tortura totalmente prohibido
Para Nacións Unidas, a retransmisión en directo do fusilamento do excomandante do Exército estadounidense Nidal Hasan supón un incumprimento da prohibición da tortura e unha violación do dereito á vida
Nidal Hasan. Reuters
O Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos dixo este venres que a intención de executar de forma pública a unha persoa, a través dunha retransmisión en directo, pode ser unha forma de tortura, un acto que está absolutamente prohibido.
"A retransmisión en directo dunha execución equivale a unha execución pública e suporía unha violación da prohibición absoluta da tortura", asegurou a portavoz do organismo, Ravina Shamdasani.
Hassan será executado por un pelotón de fusilamento
O Goberno dos Estados Unidos anunciou que se poderá ver en vivo a execución por fusilamento do excomandante do Exército Nidal Hasan, condenado á morte por matar a trece persoas nun ataque ocorrido en 2009 na base militar de Fort Hood, en Texas.
Informouse de que Hasan será executado o próximo 3 de decembro por un pelotón de fusilamento.
O secretario de Defensa estadounidense, Pete Hegseth, sinalou que se garantirá que a poboación poida presenciar o procedemento.
Fronte a iso, o organismo de dereitos humanos sostivo que o incumprimento da prohibición da tortura "convertería inevitablemente a execución en arbitraria e daría lugar a unha violación do dereito á vida".