Publicador de contidos

Publicador de contidos

Todo preparado para a vacinación aos 15.000 nenos citados entre nove e once anos

Todo preparado para a vacinación aos 15.000 nenos citados entre nove e once anos

É imprescindible que os pais ou titores presenten o consentimento informado en que autorizan a vacinar os seus fillos

G24.gal 14/12/2021 15:01

Os pais dos nenos galegos citados para vacinarse mañá comezaron a recibir nas últimas horas un papel. É o consentimento informado que teñen que entregar cando leven á vacinación os seus cativos.

O Sergas recomenda levar o consentimento impreso da casa, aínda que se vai poder cubrilo nos recintos de vacinación. Nos papeis, os pais ou titores garanten que o neno ten os cinco anos cumpridos e que aínda non fixo os 12. E é que nesta franxa de idade precisamente inxéctase a vacina de Pfizer pediátrica, a de nenos, que aprobou a Comisión Europea.

O mércores pola mañá é a quenda dos cativos inmunodeprimidos, nos hospitais. Pola tarde, ábrense os grandes recintos a partir das tres. Na xornada do mércores están convocados 15.000 nenos para recibiren a primeira dose.

O primeiro en abrir as súas portas será o da Coruña, ás tres, pero a maioría, entre eles este da Cidade da Cultura, no Gaiás, empezan ás tres e media. Para esta primeira rolda de vacinación de cativos hai sesenta mil doses, as que recibiu Galicia nas últimas horas. A vacina pediátrica de Pfizer é aproximadamente un terzo da dose que lles poñen a maiores.

Comesaña insiste en que a vacinación é un proceso seguro

O conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña insistiu en que a vacinación infantil contra a covid–19 é un proceso "seguro" e trasladou a "conveniencia" de levalo a cabo. Nunha conferencia de prensa na Coruña, o responsable autonómico indicou que se están ultimando os consentimentos informados para a vacinación de menores de doce anos, que se inicia este mércores en Galicia.

"Confiamos en que pais e nais acudan cos seus fillos á vacinación", salientou Julio García Comesaña, que instou a ser "positivos" partindo da experiencia levada a cabo con menores de doce a dezaseis anos. Sinalou que "vai ser un proceso sinxelo, rápido e seguro".

Sobre o trámite para que se vacine coa terceira dose as persoas de entre 50 e 59 anos en España, García Comesaña dixo que espera que a Comisión de Saúde Pública se pronuncie, ben respecto aos maiores de 50 ou aos maiores de 40. "Estamos contentos de acabar na poboación de máis de sesenta e dispostos a vacinar aqueles pacientes que poidamos", apuntou, no que se refire a Galicia.

Campaña para animar a que se vacinen os nenos

E para animar a que se vacinen todos os nenos, o Ministerio de Sanidade lanza unha campaña en que lembra que agora é o momento dos máis cativos. Anima a inmunizárense para que, unha vez vacinados, os nenos e nenas poidan recuperar a súa vida normal, xogar cos amigos ou protexer os avós.

Batman, o Capitán América ou Lady Bug axudarán a inocular os máis pequenos

O equipo de sanitarios que ten esa importante misión, vacinar os máis pequenos da casa, xa está preparado. E entre o grupo que se encargará da vacinación dos nenos en Ourense atópase Batman, Capitán América ou Lady Bug. Todo para que este novo paso contra a covid–19 sexa o máis doado posible. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos