Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os ministros de Pesca da UE tratan en Vigo medidas para descarbonizar a frota

Os ministros de Pesca da UE tratan en Vigo medidas para descarbonizar a frota

G24.gal 16/07/2023 15:31 Última actualización 16/07/2023 15:55

O Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea celebrará este luns e o martes en Vigo unha reunión informal centrada no sector pesqueiro, na que debaterá sobre a urxencia e os obstáculos para a descarbonización da frota.

A presidencia española de quenda da UE impulsou un consello informal específico sobre pesca co obxectivo de analizar a "necesidade" de acelerar a transición cara a unha pesca con menos emisións de carbono.

A elección de Vigo estivo motivada porque se trata do porto con máis descargas pesqueiras de España, e pola súa localización en Galicia, a primeira comunidade autónoma pesqueira, na que amarran a metade dos máis de 8.600 buques da frota española.

Os titulares de Pesca celebrarán unha mesa de debate o martes, presidida polo ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, coa participación do comisario europeo de Pesca e Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius.

Tamén está prevista a participación na reunión do presidente da comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, e das asociacións europeas que representan os pescadores, as organizacións de produtores pesqueiros e as mulleres do mar.

Pero nos consellos informais, non decisorios, os ministros aproveitan para falar de forma distendida sobre asuntos de actualidade e combinan a reunión con visitas, como as que están previstas o luns, xornada na que non hai programada atención aos xornalistas.

Para o debate central, a presidencia española remitiulles aos Gobernos un documento no que lles pide que se posicionen sobre as alternativas viables para garantir a sustentabilidade da frota da UE, formada por 61.116 buques, cunha media de 30 anos, dos que 8.657 son españois,

A frota do século XXI

España é a primeira potencia pesqueira da UE, pero non en número de buques, e a súa frota atravesa un momento de encrucillada pola falta de substitución xeracional, as normativas ambientais e a inflación.

A presidencia considerou que é conveniente acelerar a descarbonización, precisamente, porque a suba de prezos do gasóleo mostrou a "vulnerabilidade" e a dependencia de fontes enerxéticas da frota. Pero a presidencia quere promover unha reflexión sobre os "obstáculos" para esa transición ecolóxica da pesca e sobre se son suficientes os fondos destinados ao sector, con especial atención á Política Pesqueira Comunitaria (PPC) e aos límites á capacidade que establece.

A PPC regula a frota cun réxime polo que cada vez que "entra" un barco na actividade "sae" outro ou o seu equivalente en potencia, para que non haxa sobrepesca. Tampouco dá axudas á construción de buques, o que o sector considera unha traba á modernización e á incorporación de navíos máis seguros.

A presidencia española defenderá que se outorguen fondos europeos para a construción de barcos "acordes co século XXI".

O deseño dos barcos de menor escala, por exemplo, dificulta que se invista neles en enerxías alternativas máis limpas, o que tamén ocorre coa acuicultura, na que predominan as microempresas.

Ademais, España enmarcou esta discusión nos obxectivos do Pacto Verde europeo, proxecto estrela da Comisión Europea que pretende que a UE sexa unha economía neutra en emisións de dióxido de carbono en 2050.

O debate de Vigo terá lugar un día despois de que expire o acordo pesqueiro con Marrocos, este luns, e unha semana despois de que se desbloqueara no Parlamento Europeo, en Estrasburgo a tramitación da Lei europea para a restauración da natureza, que rexeitan os agricultores e os pescadores.

A axenda dos ministros inclúe, o luns, unha visita ao buque escola de cooperación "Intermares", coa xestión compartida polo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Ministerio de Defensa, e o martes, de madrugada, á lonxa de Vigo.

O Consello de Agricultura e Pesca da UE ten programada outra reunión informal semestral centrada en asuntos agrícolas en setembro, en Córdoba.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade