Os médicos galegos temen o impacto nos hospitais do elevado número de casos
"Quedan tres ou catro semanas de moitos contaxios", advirte Nacho Ramil, coordinador de Medicina Intensiva do HM Modelo da Coruña
Prodúcese un 1 % de ingresos en relación cos casos activos
Os médicos galegos temen o impacto que poida ter o actual incremento exponencial dos contaxios sobre a presión hospitalaria nas próximas semanas.
"Desde a infección pasan de 10 a 14 días ata un posible ingreso. Con máis de 24.000 infeccións tememos o que poida pasar na terceira semana de xaneiro. Hai un 1 % de ingresos en relación cos casos activos", indica Nacho Ramil, coordinador de Medicina Intensiva do HM Modelo da Coruña.
As previsións indican que quedan tres ou catro semanas de moitos contaxios e a dúbida está agora no impacto hospitalario.
"En 7 ou 10 días estaremos atentos ante o crecemento exponencial das infeccións para saber como se comporta a ómicron", engade Nacho Ramil.
Os estudos actuais indican que a variante replica no tracto respiratorio superior polo que cursa máis leve. Pero o perigo está en que un denominador máis alto pode complicar as cousas nos hospitais, ante xente con patoloxías previas e de risco.
A principal preocupación no sistema sanitario está na atención primaria, que segue todos os casos, polo que pode aparecer un colapso.
Ante a situación e para evitar outra peor, ante datas de reunións os médicos advirten:
"É preciso limitar os grupos de convivencia o máis posible, manter as salas ventiladas e con todas as precaucións posibles cribarse para illar das reunións os positivos", di Nacho Ramil.